A Deputación reparte 350.000 € entre Bueu, Cangas de Morrazo e Moaña ao abeiro de Vía Depo, o novo plan provincial para arranxar as estradas municipais danadas polos temporais

A Xunta de Goberno da Deputación deu luz verde ao 82% dos fondos do programa extraordinario, aprobando un total de 6,6 millóns de euros para 49 concellos da provincia

15/09/2026

A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar o reparto de 350.000 euros entre os concellos de Bueu, Cangas de Morrazo e Moaña ao abeiro de Vía Depo, o novo plan provincial para arranxar as estradas de titularidade municipal danadas polos temporais do inverno. Este plan extraordinario está dotado con 8 millóns de euros e vai dirixido aos 59 concellos de menos de 50.000 habitantes e a Xunta de Goberno da institución provincial aprobou xa o reparto do 82% dos fondos, dando luz verde a un total de 6,6 millóns de euros para 49 concellos da provincia.

No caso do Morrazo, Bueu recibe 102.000 € para a pavimentación e mellora dun camiño no lugar da Portela e a estabilización doutro na Carrasqueira; Cangas de Morrazo 133.000 € para o asfaltado do camiño da Costa, a rúa Florida, a rúa Santoña e o camiño Outeiro Balea-Cangas, e Moaña 115.000 € para a conservación, limpeza e rehabilitación integral de cinco camiños de titularidade municipal: o Camiño das Vaqueiras (parroquia de Domaio), o Camiño da Seca e o Camiño do Touzal (parroquia de Meira), xunto coa Estrada nos Piñeiros e o Camiño en Xalde de Arriba (parroquia de San Martiño).

O presidente provincial, Luis López, destacou que este primeiro reparto se produce apenas catro meses despois da aprobación do programa, dando resposta así ás demandas trasladadas polos alcaldes e alcaldesas da provincia. “En só catro meses despois da aprobación deste plan extraordinario, iniciamos xa o reparto de fondos aos concellos”, sinalou. O Vía Depo naceu como un programa extraordinario para atender diferentes necesidades dos concellos, especialmente as relacionadas co mantemento e mellora das estradas de titularidade municipal, os accesos a recursos naturais e a reparación dos danos provocados polos temporais deste inverno. O programa establece unha achega mínima de 50.000 euros por concello, mentres que o resto dos fondos se distribúe aplicando criterios obxectivos relacionados coa superficie, a poboación e o número de entidades singulares de cada municipio.