A Deputación leva o martes 25 de agosto a Forcarei un concerto de ópera e música clásica tributo a Montserrat Caballé e Luciano Pavarotti

O espectáculo “Querida Montserrat, querido Luciano”, de ÓperaConcert, forma parte do programa Son Verán e terá lugar na Praza do Concello ás 21:00 horas

14/08/2026

A Deputación leva o martes 25 de agosto a Forcarei un concerto de ópera e música clásica tributo a Montserrat Caballé e Luciano Pavarotti

O deputado de Cultura da Deputación de Pontevedra, Jorge Cubela, presentou este venres no Pazo provincial o segundo concerto do ciclo cultural Son Verán, un espectáculo de ópera e música clásica tributo a Montserrat Caballé e Luciano Pavarotti que se celebrará o próximo martes 25 de agosto na praza do Concello de Forcarei ás 21:00 horas. O responsable de Cultura estivo acompañado na presentación da deputada provincial e alcaldesa de Forcarei, Belén Cachafeiro e do deputado Javier Tourís.

“Querida Montserrat, querido Luciano”, de ÓperaConcert, é unha actuación de ópera totalmente única e especial, “que contará coa participación de cantantes de ópera de primeiro nivel e con familiares de Montserrat Caballé e Luciano Pavarotti, a quen este concerto pretende render unha máis que merecida homenaxe”, sinalou o deputado provincial. O espectáculo, no que actuarán Montserrat Martí Caballé, Simona Todaro Pavarotti, Luis Santana, Dolores Crespo e Víctor Carbajo, combinará a música coa conversa entre os intérpretes, que compartirán anécdotas e a historia das pezas que interpretarán sobre o escenario. O deputado tamén lembrou que “este espectáculo xa formou parte da pasada edición de Son Verán, estamos moi satisfeitos coa acollida que lle deu o público e por iso queriamos darlle a oportunidade á veciñanza doutros concellos a que tamén puidesen desfrutar del”.

“Non é habitual que nos concellos máis pequenos da provincia se programen propostas desta clase, de ópera e música clásica”, destacou o deputado de Cultura, por iso “un dos obxectivos da Deputación con este programa é precisamente saír dos sendeiros habituais de programación cultural para ofrecer propostas alternativas pero que congregan unha boa cantidade de público”.

Jorge Cubela indicou que con Son Verán a Deputación “afronta esta segunda metade do período estival levando por toda a provincia unha programación cultural de calidade”. Deste xeito, “espallamos a nosa oferta cultural e musical con estilos e propostas alternativas ás programadas polos concellos e pola propia programación habitual da Deputación, encadrada en catro grandes bloques: ópera, musical, tradicional – celta e músicas do mundo”. No marco de Son Verán organízanse 13 actuacións en 8 comarcas da provincia, “con especial atención aos concellos de menos de 20.000 habitantes”.

Son Verán comezou o 24 de xullo co concerto de Gabriel Fandi, e en agosto chegará aos concellos de Vilanova de Arousa, Caldas de Reis, Cerdedo Cotobade, Ribadumia e Valga, ademais de Forcarei. “Querida Montserrat, querido Luciano”, de ÓperaConcert poderá desfrutarse tamén en Vilanova de Arousa (23 de agosto no xardín Umbrío) e Caldas de Reis (24 de agosto na Carballeira). The Crass ofrecerán un concerto o 22 de agosto na praza da Chan (Cerdedo Cotobade), Queiman Folk o 29 de agosto en Valga e Laroá o día 30 na praza do Concello de Ribadumia.

En setembro, Son Verán chegará a Cangas de Morrazo, A Guarda, Marín, As Neves, O Porriño e Redondela. Na Guarda terá lugar o día 3 un concerto de Laroá, e Roi Casal poderá escoitarse o 13 de setembro na praza do Concello das Neves e en Redondela. Ademais, terán lugar dous concertos de Carlos Núñez, no mes de setembro no auditorio municipal de Marín e no porto de Aldán de Cangas de Morrazo. Son Verán rematará o seu percorrido polos concellos o 25 de setembro cun espectáculo de Queiman Folk no Porriño.

Galerias de imagenes