A Deputación achega a cultura a todo o territorio, pon en marcha o primeiro circuíto de artes escénicas na provincia e novas liñas de axuda para o tecido asociativo cultural en tres anos de goberno
Un dos grandes avances nó ámbito cultural nestes tres anos de goberno de Luis López na institución provincial foi a escoita activa das necesidades dos colectivos e profesionais da cultura para crear iniciativas que respondan a demandas reais
15/07/2026
A Deputación de Pontevedra achega actuacións de calidade artística e diversas manifestacións culturais a todo o territorio, pon en marcha o primeiro circuíto de artes escénicas na provincia e novas liñas de axuda para o tecido asociativo cultural en tres anos de goberno de Luis López. “Un dos nosos sinais de identidade na política cultural -asegurou o presidente provincial- era que calquera persoa da provincia, viva nunha cidade ou nunha aldea, tivera acceso a unha cultura de calidade e aí están os 230 concertos do +Música, en galego, ou as case 400 funcións de teatro e danza do +Escénicas”.
Para o deputado de Cultura, Jorge Cubela, foi fundamental seguir a “máxima” do presidente, “escoitar, entender e atender” e, “en base a ela, puxemos en marcha o primeiro circuíto de artes escénicas e novas liñas de axuda para as agrupacións musicais e o tecido asociativo cultural, precisamente dando resposta a demandas que o sector cultural viña formulando”. Tamén en base a esta máxima se reforzou o programa +Música, cun investimento de 2 millóns de euros, para chegar a duplicar o número de actuacións nos últimos anos; incrementáronse as axudas destinadas ao tecido asociativo cultural e abríronse novas, como a de instrumentos e vestiario, que se traducen en máis de 7 millóns de euros distribuídos nestes tres anos de goberno; atendéronse a preto de 2.000 colectivos e promovéronse máis de 4.000 accións culturais cada ano.
Ademais, ao longo deste tempo, impulsáronse festivais de música, audiovisuais e de artes escénicas, así como realizouse unha ampla programación expositiva, de diversos xéneros e para todos os públicos, como Son Verán, Entradiñas de Aninovo e Voces dos Ermos, dando visibilidade a artistas da provincia e prestando atención a entidades culturais de todo o territorio. Tamén se traballou na posta en valor da cultura tradicional e do patrimonio oral e inmaterial da provincia a través de iniciativas como Mozas da miña aldea ou Unha provincia para cantar a cultura.
