LETRAS GALEGAS 2025
Mozas da miña aldea
As cantareiras e a poesía popular oral na provincia de Pontevedra
A Real Academia Galega acordou dedicarlle o Día das Letras Galegas 2025 á poesía popular oral, personificado en Adolfina e Rosa Casás Rama, de Cerceda, Eva Castiñeira Santos, de Muxía, e Manuela Lema e Prudencia e Asunción Garrido Ameixenda, integrantes estas tres das Pandeireteiras de Mens (Malpica). É unha representación colectiva, como xa se fixo na elección dos trobadores da ría de Vigo en 1998, cos que se lle rendeu homenaxe á poesía medieval. Coa elección de 2025 quérese recoñecer a importancia da poesía popular oral, que acompaña a nosa sociedade desde sempre.
A música foi da man da poesía nas súas primeiras manifestacións; así, coa oralidade como o seu medio de expresión e transmisión, amais do seu carácter colectivo, mantívose viva ao longo do tempo, desenvolvéndose no contexto das foliadas (polavilas ou seráns), celebracións da fin dos traballos agrícolas, con música e baile, ao xuntarse a xente arredor de cantadoras e pandeireteiras. Todo isto foi fundamental no rexurdimento da literatura galega e no seu desenvolvemento posterior.
As mulleres foron figuras centrais na creación, preservación e transmisión da cultura: as pandeireteiras son consideradas un símbolo de resistencia, apoderamento e sororidade; cantadoras, tocadoras e bailadoras fortalecían os vencellos comunitarios no ocio colectivo.
"Mozas da miña aldea. As cantareiras e a poesía popular oral na provincia de Pontevedra"
Para celebrar e homenaxear a poesía popular oral, desde a Deputación de Pontevedra emprendemos o proxecto "Mozas da miña aldea. As cantareiras e a poesía popular oral na provincia de Pontevedra", unha actividade de visibilidade e posta en valor das cantareiras e da poesía popular oral transmitida na provincia de Pontevedra. Son moitas as mulleres e as agrupacións informantes de distintas zonas da provincia que transmitiron coplas e pezas da súa viva voz e pandeireta en man, recollidas en cancioneiros e reinterpretadas en traballos musicais e literarios.
Esta iniciativa pretende tamén poñer o foco naquelas persoas e colectivos que recolleron, traballaron e transmitiron o legado destas mulleres, o que permitiu que continuase a cadea da transmisión oral e non se perdese este valiosísimo patrimonio inmaterial que forma parte da columna vertebral da nosa tradición e da nosa cultura. A poesía popular segue camiñando con liberdade cunha perspectiva contemporánea e actual, grazas a grupos e artistas que parten da raíz da tradición oral para reinterpretala, sexa dun xeito fiel a como lles chegou ou para ir máis aló e mesturala con outras músicas.
O proxecto ten un formato audiovisual e vocación documental e didáctica; nel contamos coa participación de investigadoras e investigadores da música tradicional que participarán nos cinco capítulos dos que se compón e que se irán presentando ao longo do ano. Gravarase nas principais zonas de recollida da provincia, zonas rurais fundamentalmente, para recoñecer e poñer en valor o traballo das cantareiras desa aldea que foron informantes, das mozas que seguen a cantar e a transmitir o seu legado e tamén das e dos propios profesionais que o recompilaron no seu momento, o conservaron e transmitiron, e que o converteron nun valioso patrimonio oral que segue vivo.
O título está tirado dunha copla tradicional recollida en Sabaxáns, Mondariz.
Axudádeme a cantar
mozas da miña aldea,
axudádeme a cantar
que estou en terra allea.
Mapa de informantes da provincia de Pontevedra
1. TOUTÓN. OS SERÁNS
2. ZOBRA. RODEIRO-DOZÓN. A FIADA XA VAI NOSA
Investigadoras e investigadores que participan no proxecto
Luis Prego Fernández
Dirección e coordinación de contidos
Mestre de baile e música tradicional desde 1989. Estudoso e investigador do folclore tradicional galego. Autor das publicacións Para cantar e bailar (Do Cumio, 2008), un libro-disco con vinte e tres xogos e danzas tradicionais, que engloba gravacións, partituras e explicacións das coreografías, e Xogos musicais (Do Cumio, 2013). Creador e administrador do grupo de Facebook Baile e música de Galiza e da páxina Un punto ao día con Luís Prego.
Fundador e primeiro director do grupo O Fiadeiro de Vigo, é director dos grupos Albendeira, Tralovalo e Adonairare, entre outros, e tamén do Orfeón Mariñeiro do Berbés (da Asociación Veciñal do Casco Vello de Vigo), membro do grupo de música folk Ardentía e exdirector dos grupos Brincadeira (Santiago de Compostela) e A Buxaina (Vigo).
Ao longo da súa traxectoria ten impartido cursos e obradoiros de música e baile tradicional en numerosos centros galegos da diáspora: Arxentina, Perú, Brasil, Francia, España e Portugal. Na actualidade continúa a súa actividade docente nas disciplinas de gaita, requinta, acordeón, percusión, baile tradicional, canto tradicional e canto coral.
María Prego
Comezou como membro da Agrupación Folclórica Lembranzas Galegas, dirixida por Emilio Sotelino Domarco, e participou en diferentes festivais folclóricos nacionais e internacionais. Foi membro fundador e compoñente da Xunta Directiva da A. C. F. O Fiadeiro de Vigo e realizou, xunto a Luís Prego, importantes labores de recompilación polas diversas aldeas de Galicia. Asistiu a obradoiros das diversas pandeiretas e pandeiros da península (Asturias, León, Zamora…) da man de renomeados mestres na materia e aprendeu distintas técnicas e repertorios de ambos os instrumentos. Colaborou como pandeireteira co Grupo de Música Tradicional Ardentía e tamén foi membro en activo da Asociación Cultural Albendeira, coa que realizou obradoiros de canto e baile para extensión universitaria da Universidade de Vigo co fin de difundir a nosa cultura á mocidade. Obtivo o premio á mellor bailarina no concurso Azaloira da Bandeira e foi integrante do grupo de música Múdem.
Tamén destaca na súa traxectoria profesional que foi directora do grupo Andaina, da Asociación Veciñal As Nosas Rúas da Travesía de Vigo, profesora do grupo de cantares tradicionais Garulada, mestra de Baile Tradicional na Asociación Veciñal do Casco Vello de Vigo, coa que colaborou en diversas actividades coma A Reconquista, Os Maios etc., e tamén impartiu todos os nadais un obradoiro de danzas e cantos de reis. Foi profesora de Pandeireta e Canto Tradicional na Asociación Cultural de Candeán (Vigo) e monitora de Canto, Pandeireta e Baile Tradicional para a Xunta de Galicia no Centro Sociocomunitario de Coia (Vigo). Na actualidade é presidenta e profesora de Pandeireta da Asociación Cultural Son das Ferriñas do Casco Vello de Vigo, profesora de Pandeireta na Agrupación San Telmo de Tui e monitora de Pandeireta e Canto Tradicional para a Xunta de Galicia no Centro Sociocomunitario de Teis (Vigo).
María Vidal Solla
Mestra e directora de grupos de pandeireteiras desde hai décadas, coma o grupo Seixebra (Moraña), Riscadela de San Xoán de Calo (A Coruña), Os Trazantes (Tenorio) ou Gandaima (Pontevedra). Estivo vinculada tamén aos grupos de baile e de música tradicional Celme (Pontevedra), Soalleira de Dorrón (Sanxenxo), A. C. Penaguda de Dena (Meaño) e Trompos ós Pés (Marín), entre outros. Impartiu cursos de pandeireta e canto tradicional nos centros A Nosa Galiza e Irmandade Galega na Suíza, de Xenebra, nos anos 2013 e 2014. Actualmente é mestra de canto e pandeireta da Asociación Veciñal Santa María de Xeve e asiste a diferentes encontros de ensinantes de música tradicional organizados pola Asociación de Gaiteiros Galegos. Posúe o grao de Historia da Arte pola UNED e é monitora no Centro Sociocultural para a Terceira Idade de Pontevedra desde 2009.
Ten realizado numerosas recollidas de campo en aldeas e vilas das catro provincias galegas desde 1988 ata a actualidade, e conta cun abundante material de baile, canto, música, instrumentos, indumentaria, costumes, contos, lendas, romances e xogos. Entre os seus traballos discográficos pódense destacar colaboracións con Rumbadeira, Pepe Vaamonde Grupo e Ardentía. Actualmente é a voz en As Cantigas de Elena.
Francisco Abollado – "Pichi"
Imparte clases de baile rexional desde hai máis de trinta anos. Desde finais da década de 1980 vive entregado a un labor de recompilación de canto, baile, vestiario e xogos tradicionais que o levaron por centos de aldeas de toda Galicia. Desde 2014 dirixe e ensina baile rexional no Centro Social de Dena a unha trintena de persoas vinculadas á Asociación Cultural Penaguda.
Con María Vidal Solla compartiu e comparte traballos de recollida e proxectos profesionais no eido da música e do baile tradicional.
Xulia Feixóo
Percusionista e etnomusicóloga. É titulada profesional en Percusión, licenciada en Historia da Arte, na especialidade de Historia da Música, e titulada superior en Etnomusicoloxía. Posúe o Mestrado Universitario en Profesorado en Educación Secundaria Obrigatoria, na especialidade de Artes.
É integrante da banda do arpista Rodrigo Romaní, con quen participa en diversas gravacións; ata o 2017 foi percusionista da Orquestra Folk de Galicia SonDeSeu. Como intérprete de música tradicional acadou os primeiros premios nos certames máis sinalados de cuartetos do país con Virutas de Ébano no Concurso de Música Tradicional de Luou en 2013; Concurso de Gaitas de Ponteareas en 2014; e no Concurso de Música Tradicional Xacarandaina en 2014 e 2015.
De 2008 a 2016 exerceu como profesora na Escola de Música de Chapela (Redondela) e na Escola de Danza e Música Tradicional Pedra da Garza (Ponteareas). Na actualidade é mestra de percusión tradicional na Escola de Música de Retrouso de Cela (Bueu), na Escola de Música da Asociación Peis d'Hos (Cangas) e na Escola da Asociación Cultural e Folclórica O Fiadeiro (Vigo).
Desde o 2017 dirixe a sección de percusión da Banda de Gaitas Xarabal. É autora do libro Maruxa das Cortellas. Tocadora do pandeiro... (aCentral Folque, 2017) e coautora de Mulleres de Gargamala! Cantares de tradición oral (aCentral Folque, 2017).
Guillerme Ignacio Costa
Mestre de canto tradicional en diversas asociacións desde 1998; foi músico e membro fundador do grupo folk Quempallou (1998-2016) e membro do grupo de pandeireteiros O Tear de Llerena (2002-2015). Ademais, realiza traballo de campo arredor da música e do baile de tradición oral desde 1998, especialmente do canto acompañado de percusión nos territorios galegófonos. Foi asesor musical do programa Alalá da TVG en diversos capítulos, entre o 2009 e o 2013 e desde 2018 colabora coa Radio Galega, a través da Asociación de Gaiteiros Galegos (AGG), no guión e condución da sección do programa Lume na palleira dedicada ás músicas de tradición oral, titulada O Recuncho da Palleta.
Foi produtor artístico de diversos traballos divulgativos dedicados ás fontes vivas da nosa tradición musical: José Fdez. Canosa, O Ghaiteiro do Piñeiro (Do Cumio, 2010), Pandeireteiras de Barro de Arén (Phonos, 2005), Pandeireteiras de Toutón (Do Cumio, 2014), Elelelos, músicas de tradición oral no concello de Bueu (Retrouso de Cela, 2014). Publica artigos de divulgación científica sobre o canto tradicional en revistas coma Aturuxo (voceiro da AGG) ou no Diario Nós. No 2016 forma, xunto coa etnomusicóloga viguesa Xulia Feixóo, o grupo de traballo Arredor da Tradición, co que ofrecen charlas e obradoiros sobre a música de tradición oral por toda Galicia, e tamén noutros lugares da península coma Catalunya, Madrid ou Euskadi. En 2017 ve a luz o seu primeiro libro-cd conxunto, Mulleres de Gargamala! Cantares de tradición oral (aCentral Folque, colección A Chave Mestra). Na actualidade atópanse inmersos na elaboración dun libro-cd monográfico sobre o pandeiro cadrado en Galicia.
Marcelo Dobode
Desde a súa infancia tomou contacto coa música de raíz grazas ás súas tías avoas Maruja e Claudina, tocadoras de pandeireta e bailadoras, que lle ensinaron o xeito e a expresión de tocar da zona de Soutomaior. As súas raíces están moi vencelladas á oralidade e á forma máis pura e tradicional das nosas músicas; cun avó gaiteiro e cunha avoa bailadora e tocadora, lévao no sangue.
Xa de moi neno, con 14 anos, comeza a tocar nas alboradas con varios grupos de gaiteiros e únese, para danzar e tocar, á Agrupación Folclórica Gandaina de Pontevedra, onde coñece as pandeireteiras Leilía, coas que percorre varios concellos e fai traballo de campo e recollida das distintas músicas que lle apaixonan.
Con 16 anos comeza a dirixir varias agrupacións folclóricas en Soutelo de Montes e Forcarei e a impartir aulas de Canto, Pandeireta e Baile. Máis tarde forma o grupo de pandeireteiros O Tear de Llerena, co que crea unha escola de música tradicional e percorre Galicia para poder seguir co seu traballo de campo e editar o disco Jenifer. Entra a formar parte da agrupación folclórica O Fiadeiro e percorre escenarios de Europa e España, ademais de gravar o disco O Fiadeiro de música tradicional. Viaxa ás casas galegas de Venezuela para impartir aulas de Canto, Pandeireta e Baile e volve a Galicia onde comeza a dirixir a Aula Folque Infantil en Pontevedra. Forma o grupo Gharatá, que xa no 2003 mesturan a música tradicional coa música electrónica e actúan en varios festivais. Máis tarde forma o dúo Primordias, que edita o traballo discográfico Droguería Moderna , con músicas e letras de temas que a día de hoxe xa forman parte da nosas música de raíz. Foi director do certame Pontecoqueta, coordinador no festival Duf, e vincula a súa vida a ensinar e producir festivais e músicas de raíz de todo o mundo. En 2019 lanza o seu traballo discográfico Turoqua, onde as súas composicións se mesturan con ritmos de blues, funk, jazz.
Xandre Outeiro
Mestre de canto, baile e percusión tradicional. Autodidacta na música tradicional, desde neno participa en distintos colectivos e asociacións. No 2001 comeza a súa formación na Universidade Popular de Vigo, na aula de Zanfona, da man de Anxo Pintos. Simultaneamente, comeza estudos técnicos de produción musical e funda a asociación e grupo de pandereteiros O Tear de Llerena. Tempo despois pasa a formar parte da A. C. F. O Fiadeiro de Vigo, onde participa no grupo de baile e no grupo de pandereteiros Eiravella; actualmente tamén imparte aulas de baile tradicional na escola desta asociación.
Máis recentemente funda a Asociación Cultural Trépia, na que traballa impartindo aulas e coordinando a escola, e mais o grupo escénico Projecto ['trepia], no que se fusionan a música e a danza tradicional coa música electrónica e a videocreación.
Imparte aulas de percusión, baile e canto tradicional na A. C. Trépia (Pontevedra), na A. C. F. O Fiadeiro (Vigo), no grupo Pandereteiras do Suído (A Lama) e na A. C. Os Muíños de Oliveira (Ponteareas).
Colaborou con diferentes artistas coma Ávalon, Quempallou, SonDeSeu, Foula e Pel de Noz. Dirixe o grupo de baile da A. C. Os Muíños de Oliveira desde xaneiro de 2011. Gañou o primeiro premio de videocreación no Certame XuventudeCrea 2012 e o primeiro premio de música co grupo A Máquina de Meter Medo.
Carlos Álvarez
Tamara Costas
Doutora en Química, graduada en Educación Primaria con mención en Educación Musical e tamén en Lingua Inglesa. Bailadora e pandeireteira desde moi pequeniña.
Comeza a dar clases de Música e Baile Tradicional aos vinte anos, mentres realizaba a súa tese, pero a súa paixón é ensinar. Decide estudar maxisterio, mentres remata o doutoramento. Unha vez finalizados os seus estudos dedícase ás súas verdadeiras vocacións: agora é mestra no Colexio Maristas de Vigo e dirixe grupos de pandeireteiras en asociacións de gran relevancia en Galicia.
Destaca o traballo coas e cos máis pequenos nas agrupacións Tarambainas de Vigo e Vai de Roda de Rianxo, coas que teñen acadado máis dun centenar de premios nos concursos de baile, pandeireta e vestimenta tradicional que se realizan na nosa comunidade. É mestra do grupo Ghandainas de Alcabre (Vigo), directora de pandeireteiras da Asociación Cultural Folclórica O Fiadeiro de Vigo e toca nas Lagharteiras, pandeireteiras de gran recoñecemento na nosa comunidade.
A súa inquedanza por coñecer e aprender máis sobre o que lle gustaba facer levouna a iniciarse moi nova na investigación e recuperación de músicas, cantares e historias por toda Galicia co seu amigo Carlos Álvarez, o que lle axudou a afianzar a súa paixón.
Ademais, o curso pasado formouse no seu colexio, e baixo a súa dirección, un grupo de pandeireta e baile tradicional, que conta xa con sesenta alumnas e alumnos, sempre da man da A. C. F. Tarambainas.
Aurora Muiños
Comezou a bailar con 7 anos e, logo de pasar polos centros culturais de Coia e Matamá, durante a súa adolescencia atopou compañeiras e compañeiros cos que compartiu o mesmo amor pola nosa cultura e que lle descubriron outro xeito de ver o folclore, desde a recuperación e a conservación. Durante a década de 1990 participou en traballos de recollida por distintas parroquias do Condado e da Paradanta, así como da comarca de Bergantiños. Neses anos formou parte do grupo De Troula e posteriormente de O Fiadeiro, no que continúa na actualidade como bailadora e dando charlas didácticas nos centros de ensino sobre a nosa cultura e tradición.
Aurora Muiños participou como condutora en proxectos audiovisuais arredor da música tradicional coma "Vigo arrólate", impulsado pola Concellería de Normalización Lingüística do Concello de Vigo.
Créditos
- Organización e produción: Deputación de Pontevedra
- Coordinación do proxecto: Servizo de Cultura. Deputación de Pontevedra
- Dirección e coordinación de contidos: Luís Prego Fernández
- Investigación, participación e cesión de material de arquivo:
- Luís Prego Fernández
- María Prego Fernández
- María Vidal Solla
- Francisco Abollado Fernández "Pichi"
- Marcelo Dobode
- Alexandre Outeiro
- Tamara Costas Caamaño
- Carlos Álvarez Gómez
- Xulia Feixóo
- Guillerme Ignacio Costas
- Narración: Aurora Muiños
- Gravación e edición: Diego Bea Besada
- Corrección de textos: Servizos Lingüísticos. Deputación de Pontevedra
- Deseño da imaxe do proxecto: Servizo de Comunicación Institucional. Deputación de Pontevedra
- Foto: Arquivo gráfico. Museo de Pontevedra
Grazas a todas as persoas que conservan, transmiten e valoran o patrimonio tradicional oral, manténdoo vivo









