A Deputación pecha este sábado no Mosteiro de Poio Voces dos Ermos, o ciclo de concertos de música coral en homenaxe a Ramón Otero Pedrayo

O Orfeón e a Orquestra Terra a Nosa, que celebra o seu sesaxésimo aniversario, porá o broche de ouro a esta iniciativa da Deputación que pasou xa por Pontevedra, Vigo, Ribadumia e Vilagarcía de Arousa

20/05/2026

A Deputación de Pontevedra pecha este sábado 23 de maio no Mosteiro de San Xoán de Poio Voces dos Ermos, o ciclo de concertos de música coral impulsados polo organismo en homenaxe a Ramón Otero Pedrayo. Nesta ocasión, o Orfeón e Orquestra Terra a Nosa ofrecerá un concerto ás 20:30 horas.

Nos concertos do ciclo Voces dos Ermos, cuxo nome provén dunha das obras emblema da cultura galega, “O mesón dos ermos”, autoría de Otero Pedrayo, teñen protagonismo as voces que se mesturan coa música clásica, popular e contemporánea. Deste xeito, a través desta iniciativa provincial, a Deputación leva a cinco concellos da provincia actuacións de agrupacións corais e grupais de referencia en Pontevedra ou vinculadas coa provincia e que, ademais, celebran algunha efeméride ou aniversario dentro da súa historia ou traxectoria durante o ano 2026.

Voces dos Ermos estreouse o pasado mes de marzo en Pontevedra, onde a centenaria Sociedade Coral Polifónica de Pontevedra (1925-2025), gañadora do Premio Otero Pedrayo que outorgan as catro deputacións galegas, e a Orquestra Sinfónica de Pontevedra presentaron “Leucoíña. O canto das augas”, de Brais González. Despois de pasar por Vigo coa actuación da Banda Filharmónica e do Coro Mistura Vocal, por Ribadumia con Tolemia´s Consort e por Vilagarcía co Coro Liceo de Vilagarcía e a Banda de Cámara Arousa, chega agora ao seu fin co concerto do Orfeón e Orquestra Terra a Nosa no mosteiro de San Xoán de Poio.

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 4 resultados.