A Deputación organiza este sábado en Vilagarcía de Arousa un concerto do Coro Liceo e a Banda de Cámara Arousa no marco do programa Voces dos Ermos

O deputado de Cultura, Jorge Cubela, presentou a actuación, que será de balde e con entrada libre a partir das 20:30 horas na igrexa do convento de Vista Alegre

22/04/2026

A Deputación organiza este sábado en Vilagarcía de Arousa un concerto do Coro Liceo e a Banda de Cámara Arousa no marco do programa Voces dos Ermos

O deputado de Cultura da Deputación de Pontevedra, Jorge Cubela, presentou este mércores no Pazo provincial o concerto do Coro Liceo de Vilagarcía e a Banda de Cámara Arousa que a institución provincial organiza este sábado no marco do ciclo Voces dos Ermos. A actuación terá lugar en Vilagarcía de Arousa, na igrexa do convento de Vista Alegre, a partir das 20:30 horas, de balde e con entrada libre ata completar a capacidade. O deputado estivo acompañado na presentación polo presidente do Coro Liceo de Vilagarcía, Pepe Álvarez, e outros membros da formación.

Jorge Cubela sinalou que se trata dun concerto de música sacra “In memoriam”, con ocasión do 45 aniversario do Coro Liceo de Vilagarcía. “Buscamos que os protagonistas do ciclo Voces dos Ermos fosen grupos que celebrasen algunha efeméride ou aniversario durante 2026, polo que queremos darlle os parabéns á formación por ese preto de medio século dinamizando a provincia desde a cultura”, sinalou o deputado provincial.

Cubela tamén lembrou que o ciclo está vinculado á figura de Ramón Otero Pedrayo, en particular, e ao Premio que outorgan as catro deputacións galegas e leva o seu nome. Na súa última edición “homenaxeamos a Sociedade Coral Polifónica de Pontevedra, coincidindo co seu aniversario, polo que este ciclo é unha maneira de continuar difundindo o legado desta e do resto de formacións da provincia”, así como unha posta en valor “dun premio que recoñece as principais figuras da nosa cultura, e cuxas bases para a edición 2026 foron publicadas este luns”, sinalou.

Jorge Cubela asegurou que “as formacións corais e grupais son un símbolo da música popular galega, e desde a Deputación imos seguir apoiando o seu labor para que non só o seu legado non se perda, senón que continúe vivo durante moitos séculos”. Tamén puxo o foco no labor “transversal” da Deputación para apoiar o talento e a dinamización dos concellos con circuítos como +Música, +Escénicas ou Culturea.

En Voces dos Ermos, cuxo nome provén da emblemática “O mesón dos ermos” de Otero Pedrayo, teñen protagonismo as voces que se mesturan coa música clásica, popular e contemporánea. Os concertos chegaron xa aos concellos de Pontevedra, Vigo e Ribadumia e clausuraranse o próximo 23 de maio no mosteiro de San Xoán de Poio, celebrando o LX Aniversario de Orfeón e Orquestra Terra a Nosa.

Galerias de imagenes