Luis López anuncia un investimento de 2,2 millóns de euros para a xestión do CAAN e do servizo de recollida de animais no período 2026-2027

“Seguimos apostando por esta prestación aos concellos fundamental, de interese xeral e moi relacionada coa sanidade, a orde pública, o benestar dos animais e o medio ambiente”, remarcou o presidente

19/12/2025

Conferencia de prensa de Luis López

Luis López acaba de anunciar a aprobación dun investimento de 2,2 millóns de euros para a xestión do CAAN e do servizo de recollida de animais para o período 2026-2027. "Seguimos apostando por esta prestación aos concellos fundamental, de interese xeral e moi relacionada coa sanidade, a orde pública, o benestar dos animais e o medio ambiente", remarcou o presidente quen salientou que  "a través do CAAN estamos a prestar servizo a 52 concellos da provincia onde realizamos máis de 20.000 intervencións e atendemos unha media de entre 250 e 300 animais na Armenteira.

López manifestou sentirse "orgulloso do servizo que se está a realizar no recinto" e remarcou a aposta por mudar o modelo de xestión, "pasando da recollida e mantemento a un modelo sostible de recollida de animais e entrega en adopción, que está a provocar taxas que mesmo duplican valores anteriores". Neste eido informou que durante os anos 2024 e 2025 chegáronse a atender case 4.000 solicitudes de servizo, entre as que se inclúen as de cans abandonados, que non son reclamados polos seus donos, e cans perdidos ou extraviados, que si son reclamados e recollidos polos seus propietarios.

Ademais, o presidente provincial tamén asegurou que se garante atención as 24 horas do día para a recollida de animais, prestacións veterinarias e de identificación e rexistro, así como xestión das colonias felinas, que abrangue desde o censo dos gatos, ata programas de esterilización e sanitarios das colonias. Neste caso, tal e como subliñou López, "desde que puxemos en marcha esta liña de acción, a mediados do ano 2024, máis de 40 concellos fixeron uso deste servizo, con 1.200 gatos recibidos dos cales desparasitamos 1.140 e vacinamos 830".

videos

audios