A Deputación aproba máis de 200.000 € para impulsar melloras nas instalacións deportivas de Barro e Cerdedo-Cotobade

Barro e Cerdedo-Cotobade reciben recursos do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas para actuar, respectivamente, na creación dunha pista de pump track e na envolvente do pavillón municipal de Tenorio

01/04/2026

A Deputación aproba máis de 200.000 € para impulsar melloras nas instalacións deportivas de Barro e Cerdedo-Cotobade

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, deu conta este mércores do visto bo da Xunta de Goberno provincial a novos recursos do III Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas para os concellos de Barro e Cerdedo-Cotobade, que recibirán en conxunto máis de 207.000 euros. O PEID, dotado de 8 millóns de euros, permite aos municipios de menos de 50.000 habitantes da provincia subvencionar proxectos municipais de construción de novas instalacións e espazos públicos de uso deportivo, así como para a modernización, remodelación e mellora de instalacións e espazos xa existentes.

Barro recibirá preto de 97.000 euros para construír unha pista de pump track na zona de Outeiro, ao carón da piscina municipal. A actuación tamén inclúe actuacións como o desmonte do peche actual e a execución do novo peche formado cun muro de formigón, a retirada da capa vexetal, o axardinamento das illas interiores, a instalación dunha columna para iluminación e proxectores e, entre outros, a adaptación do portalón de entrada. Trátase da todos os recursos que vai mobilizar Barro ao abeiro do III Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas.

Pola súa banda, Cerdedo-Cotobade recibirá unha achega de preto de 111.000 € para o acondicionamento da estrutura e da envolvente do pavillón municipal de Tenorio. A actuación inclúe a retirada da cuberta e da subestrutura deteriorada, o reforzo da estrutura principal e a execución dunha nova cuberta con paneis tipo sándwich. Renovarase completamente a envolvente vertical mediante un sistema de fachada mellorada, que incrementa o comportamento térmico e a durabilidade do edificio. A intervención completarase coa renovación do sistema de evacuación de pluviais, melloras na ventilación interior e a actualización das instalacións de iluminación e electricidade.

O presidente da Deputación, Luis López, asegurou que “esta achega é un exemplo claro de como o Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas nos axuda a construír a provincia do deporte na que queremos que se converta Pontevedra”.

audios