A Deputación avanza no reparto do Plan Vía Depo con novas achegas por máis de 250.000 € para que Mos e Ponte Caldelas melloren vías municipais

Mos contará con 128.000 € para mellorar o firme asfáltico e optimizar o sistema de drenaxe na avenida de Segundo Pampillón e no camiño do Tranvía e Ponte Caldelas con 128.000 € para reparar, conservar e mellorar a seguridade viaria en cinco camiños

18/09/2026

A Deputación avanza no reparto do Plan Vía Depo con novas achegas por máis de 250.000 € para que Mos e Ponte Caldelas melloren vías municipais

A Deputación de Pontevedra continúa aprobando o reparto de fondos no novo Plan Vía Depo entre os concellos da provincia. Despois de dar luz verde aos proxectos de 49 concellos cun investimento total de 6,65 millóns, a Xunta de Goberno confirmou o reparto de máis de 250.000 euros a través de dúas novas achegas para os concellos de Mos e Ponte Caldelas. “Continuamos así no reparto deste Plan Vía Depo dotado con 8 millóns de euros para arranxar as vías municipais. Un plan que estamos xestionando nun tempo récord: xa só queda o 14% dos recursos por repartir á espera da tramitación dos concellos”, asegurou o presidente Luis López.

En concreto, Mos recibe 128.000 euros ara a mellora do firme asfáltico e a optimización puntual do sistema de drenaxe na avenida de Segundo Pampillón e no camiño do Tranvía, onde a plataforma actual precisa dunha intervención estrutural para regularizar e renovar o seu pavimento esgotado. Ademais, requírese integrar e acondicionar os sobreanchos que na actualidade se atopan en terra, xunto cunha modernización profunda da rede de recollida de augas pluviais para evitar a deterioración e garantir a estabilidade e seguridade do tráfico rodado.

Pola súa banda, Ponte Caldelas contará con 127.000 euros para executar as obras necesarias para a reparación, conservación e mellora da seguridade viaria en cinco camiños de titularidade municipal: Cruz do Brasil, Chan do Casal, Aluncía, Forzáns e Taboadelo. En todos os camiños procederase á limpeza de marxes, varrido mecánico, fresado de entronques, aplicación dunha rega de adherencia e estendido dunha nova capa de rodaxe. Ademais, executaranse traballos específicos por viario: en Cruz do Brasil e Taboadelo farase unha execución previa de bacheo e dunha capa de regularización para corrixir as fochancas e instalarase unha nova sinalización horizontal. En Chan do Casal, xunto co asfaltado e a sinalización, levarase a cabo a limpeza manual da cuneta. En Forzáns procederase á demolición e saneamento profundo do tramo levantado polas raíces das árbores. E en Aluncía realizarase unha actuación de pavimentación directa sobre o tramo inicial de aglomerado asfáltico do ramal.

O Vía Depo, dotado con 8 millóns de euros, naceu como un programa extraordinario para atender diferentes necesidades dos concellos, especialmente as relacionadas co mantemento e mellora das estradas de titularidade municipal, os accesos a recursos naturais e a reparación dos danos provocados polos temporais deste inverno. O programa establece unha achega mínima de 50.000 euros por concello, mentres que o resto dos fondos se distribúe aplicando criterios obxectivos relacionados coa superficie, a poboación e o número de entidades singulares de cada municipio.

Galerias de imagenes

audios

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 4 resultados.