A Deputación aproba o proxecto para mellorar a seguridade viaria na estrada de Botos a Gresande, en Lalín cun orzamento de máis de 530.000 euros

A actuación, financiada ao 80% pola Deputación e ao 20% polo Concello, busca reforzar a seguridade de veciños e peregrinos e inclúe a creación dunha senda peonil

06/11/2026

A Deputación aproba o proxecto para mellorar a seguridade viaria na estrada de Botos a Gresande, en Lalín cun orzamento de máis de 530.000 euros

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, anunciou hoxe que a institución provincial aprobou o proxecto para poñer en marcha as obras para mellorar a mobilidade peonil na estrada provincial EP-6001 Lalín – Botos - Gresande. A actuación ten un orzamento de 537.000 euros, dos que a Deputación aporta o 80% (430.000 €) e o Concello faise cargo do 20% restante, é dicir, 107.000 €.

O obxectivo é mellorar a seguridade e as condicións de mobilidade dos veciños e peregrinos que recorren Vía da Prata. Para logralo, construirase unha senda peonil de formigón coloreado, cunha anchura mínima de 2,5 metros, pola marxe dereita da estrada, renovarase o firme da calzada e construirase unha estrutura completa de pavimento bituminoso onde sexa preciso. Así mesmo, prevese a instalación dunha nova rede de drenaxe de augas pluviais e dun sistema de iluminación soterrado con novas luminarias. A actuación inclúe tamén a mellora da sinalización do tramo e a reparación de danos puntuais. Por último, substituiranse as árbores dos alcorques existentes.

“Con avances como este desde a Deputación continuamos traballando para a transformación das estradas provinciais, co obxectivo de alongar a súa vida útil e garantir a súa seguridade”, asegurou o presidente provincial.

audios