Luis López presenta “Xuventude en Palabras” como o libro que avala o talento e sensibilidade da mocidade e xustifica a aposta estratéxica da Deputación pola xente nova

O presidente provincial, acompañado polo deputado Jorge Cubela; entrega aos gañadores dos Premios Provinciais á Xuventude un exemplar da primeira publicación que recompila os 42 traballos de narrativa e poesía recoñecidos desde 2017 neste certame

24/04/2025

Luis López no Salón de Plenos

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, presentou este xoves no salón de plenos do Pazo provincial o libro editado polo organismo provincial que recompila as obras de todos os gañadores dos Premios Provinciais á Xuventude na categoría de narrativa e poesía desde o ano 2017, cando se celebrou o primeiro certame, ata o ano 2024. Acompañado polo deputado de Cultura, Jorge Cubela, o mandatario provincial reafirmou o compromiso da Deputación coa xuventude da provincia, que conta cun servizo propio dotado cun orzamento de case 1,3 millóns de euros para poñer en marcha iniciativas como estes premios, medidas pioneiras coma o Plan Estratéxico de Xuventude ou eventos novidosos para promover as letras na provincia como o festival Pontevedra Literaria.

“Este libro énchenos de razóns, danos aínda máis folgos e nos carga de enerxía para seguir avanzando nunha liña innovadora e pioneira que puxemos en marcha tan pronto como tomamos posesión do goberno da Deputación: a creación dun servizo propio de Xuventude. Porque investir no futuro, nos mozos e mozas da provincia, dá grandes resultados mesmo no presente”, afirmou o presidente antes de entregar un exemplar deste libro titulado “Xuventude en Palabras” aos autores que asistiron á presentación desta obra. Un libro integrado polos 42 traballos de narrativa e poesía que acabaron nos tres primeiros postos das oito convocatorias celebradas entre 2017 e 2024 e que son obra de 27 mozos e mozas da provincia.

O acto comezou coa benvida a cargo do deputado de Cultura e Xuventude, Jorge Cubela, quen recoñeceu que na Deputación “sentímonos moi orgullosos de poder presentar este libro pero, sobre todo, de poder presumir de contar nesta provincia de Pontevedra con mozas e mozos coma vós, con tantísimo talento. Voces modernas, innovadoras e mesmo transgresoras que plasmades coas vosas palabras as inquedanzas dunha xeración enteira”. A continuación, subiron ao escenario cinco dos gañadores deste certame —Pedro Rodríguez Villar, María Teresa Pereiro Pereiro, Brais Suárez González, Eva Pena Fandiño e Fabio Rivas Pardo—para participar nun coloquio sobre literatura, xuventude e o apoio das administracións. Unha representación do talento dos autores deste libro ao que tamén se referiu o presidente provincial, que asina o prólogo da publicación. “Quen non sentiría emoción por compartir publicación cos 27 escritores —que aínda sendo emerxentes xa acumulan recoñecementos— de poesía e narrativa que dan forma a este pioneiro libro”., recoñeceu.

O acto concluíu co discurso do presidente Luis López, quen reiterou o compromiso da Deputación coa xuventude da provincia repasando os programas máis destacados postos en marcha polo goberno neste eido. Referiuse o dirixente ás subvención do +Xuventude, que repartiron 80.000 euros para facer realidade proxectos impulsados por mozos e mozas da provincia, ás becas para a realización de prácticas laborais en países da Unión Europea, ao programa “O teu Espazo Xuvenil, para acondicionar espazos para a xuventude nos concellos, á organización da primeira edición do festival Pontevedra Literaria ou á colaboración da mocidade para redactar o primeiro Plan Estratéxico de Xuventude da provincia.

Prazo aberto para os novenos Premios Provinciais á Xuventude

Neste punto, lembrou o dirixente provincial que o prazo para presentar traballos á novena edición dos Premios Provinciais á Xuventude permanecerá aberto ata o vindeiro mes de maio. Trátase dun certame que cada ano suma máis participantes e que neste 2025 repartirá un total de 36.000 euros entre os gañadores de doce categorías.

“Un altofalante para seguir demostrando que a xuventude ten moito que dicir e moito que aportar para a construción da provincia de mañá, pero tamén na de hoxe”, pechou o presidente Luis López un acto que rematou coa entrega de exemplares e unha fotografía conxunta para o recordo da primeira publicación das obras de narrativa e poesía gañadores dos Premios Provinciais á Xuventude.

Galerias de imagenes

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 4 resultados.