Criptomeria elegante ou cedro xaponés do xardín histórico de Mondariz-Balneario
- Especie: Cryptomeria japonica f.elegans (Jacob-Makoy) Beissn.
- Familia: Cupressaceae
- Altura: 18 m
- Perímetro basal do tronco: 7,30 m
- Perímetro do tronco (1,30): 3,15 m
- Diámetro da copa: 11,70 x 17,5 m
- Idade estimada: 100-150 anos
- Concello: Mondariz-Balneario
- Parroquia: Nosa Señora de Lurdes
- Lugar: Hotel de Mondariz-Balneario
- Coordenadas UTM (X; Y, ETRS89 Fuso 29): 29T544054;4675089
- Coordenadas en Google: 42.225737, -8.466578
A criptomeria atópase no illote que se forma debido á bifurcación do curso de auga que atravesa o xardín, coñecido como regato de Valdecide (afluente do río Xabriña e subafluente do río Tea). O exemplar, cunha fermosa estrutura en forma de candelabro, está rodeado por outras especies arbóreas (abeleiras, carballos, cefalotaxos…) á beira do antigo invernadoiro, construído en 1900 e restaurado recentemente. Dispón aínda así de espazo suficiente para desenvolver a súa copa que, vista de lonxe, destaca levemente sobre a masa arbórea.
Trátase dun exemplar co tronco moi ensanchado na súa base, con grandes contrafortes, que lle confiren unha maior estabilidade. O tronco, recto, divídese ao redor dos 4 metros inicialmente en cinco brazos primarios que posteriormente se subdividen en máis. A súa copa está ben conformada e o seu estado xeral é bo, con algunha rama seca e liques.
