Palmeiras canarias do parque das Palmeiras de Pontevedra
- Especie: Phoenix canariensis Hort. ex Chabaud
- Familia: Arecaceae
- Altura: 21,20 e 22,30 m
- Perímetro do estipe (1,30): 1,80 e 1,85 m
- Diámetro de coroa: 13,10 e 12,40 m
- Idade estimada: 120 anos
- Concello: Pontevedra
- Parroquia: Pontevedra
- Lugar: parque das Palmeiras
- Coordenadas UTM (X;Y, ETRS 89 FUSO 29): 29T529136;4697740
- Coordenadas Google: 42.43143021356307, -8.645788319738159
Conxunto formado por 25 exemplares dispostos en dúas liñas paralelas que enmarcan o camiño que cruza o xardín. Estas palmeiras teñen un gran valor histórico e ornamental, xa que se plantaron a mediados do século xix, época que coincide co axardinamento e coa creación de espazos verdes no centro urbano e coa construción do Pazo provincial e da casa consistorial. Nesta área verde da Boa Vila pódense diferenciar tres espazos distintos, os xardíns de Vicenti, o paseo das Palmeiras e a Alameda. O espazo axardinado data de principios do século xx, cando se derrubaron as murallas e a cidade ampliou os seus límites para facilitar a expansión urbanística. É un lugar de gran fermosura no que podemos contemplar outras árbores interesantes de distintas especies, coma cedros do Himalaia (Cedrus deodara), acivros (Ilex aquifolium), cefalotaxos (Cephalotaxus harringtonia var. drupacea), magnolios (Magnolia grandiflora) ou teixos (Taxus baccata).
O xardín das Palmeiras, que se estende entre as rúas Raiña Victoria e Marqués de Riestra, debe o seu nome á gran variedade e cantidade de palmeiras, entre as que destacan árbores centenarias coma as dúas ducias de palmeiras canarias (Phoenix canariensis) e as cinco palmeiras de abanico mexicanas (Washingtonia robusta), acompañadas doutras de introdución máis recente, coma falsos palmitos (Trachycarpus fortunei) ou palmeiras butia (Butia odorata).
