CRIPTOMERIA XAPONESA do palco da música do xardín histórico de Mondariz-Balneario
- Especie: Cryptomeria japonica (L. f.) D. Don.
- Familia: Cupressaceae
- Altura: 31,10 m
- Perímetro basal do tronco: 4,5 m
- Perímetro do tronco (1,30 m): 3,55 m
- Diámetro da copa: 10,20 m
- Idade estimada: 110 anos
- Concello: Mondariz-Balneario
- Parroquia: Nosa Señora de Lurdes
- Lugar: Hotel de Mondariz-Balneario
- Coordenadas UTM (X; E, ETRS89 Fuso 29): 29T544054;4675089
- Coordenadas en Google: 42.226648, -8.466011
Resolución do 8 de marzo de 2023 pola que se inclúe no Catálogo galego de árbores senlleiras con código: 163A.
Historia
A criptomeria forma parte da colección botánica do xardín histórico do Balneario de Mondariz, un espazo axardinado de gran relevancia asociado ao termalismo en Galicia que na actualidade é propiedade do Concello de Mondariz-Balneario. Trátase posiblemente do exemplar máis antigo e singular do xardín, e foi testemuña do paso dos anos e da evolución que tivo o xardín desde o seu deseño orixinal. Hai rexistros fotográficos que xa verifican a súa presenza a principios do século XX (anos 20 e 30). Crese que foi plantada no momento de creación do xardín. Ademais, este exemplar xa figuraba no Inventario de árboles sobresalientes de Galicia (Xunta de Galicia, 1985).
Contorna
A criptomeria destaca pola súa gran visibilidade, sen competencia en espazo nin altura; o seu tronco está moi ensanchado na súa base, a modo de pata de elefante, o que lle confire estabilidade. O seu crecemento é moi vertical e na zona media do tronco son visibles os restos das ramas que antes poboaban esta zona. A copa é pouco densa e irregular, quizais por tratarse da árbore máis alta da súa contorna e sufrir o embate de todos os ventos.
Está situada á beira do palco da música, de sección octogonal; un valado e unha sebe separan este espazo da avenida de Mondariz. Ao nordeste da criptomeria está a fonte da Gándara, obra do famoso arquitecto Antonio Palacios, integrada nunha edificación de planta de cruz cos brazos formados por semicírculos e unha cúpula central sostida por altas columnas cilíndricas de pedra; no seu interior, unhas escaleiras conducen ata a fonte de augas ferruxinosas.
