Magnolias grandifloras do pazo de Rubianes
- Especie: Magnolia grandiflora L.
- Familia: Magnoliaceae
- Localización natural: sueste dos Estados Unidos
- Idade: entre 175 e 200 anos
- Porte: 18,40 e 19,60 m
- Tronco: 4,30 e 4,70 m
- Copa: 19,80 e 18,10 m
- Municipio: Vilagarcía de Arousa
- Parroquia: Rubiáns
- Lugar: A Feira Nova
- Altitude: 70 m s. n. m.
- Coordenadas: 42.579376, -8.734301
- Titularidade: Pazo de Rubianes
Historia
Os xard íns do pazo de Rubianes datan de finais do século XVII, cando comeza o axardinamento da zona máis próxima ao pazo e da coñecida como estanque das ras.
Posteriormente, ao longo do século XVIII lévase a cabo un importante incremento das áreas axardinadas coa introdución de moitos exemplares arbóreos, entre eles algúns que actualmente forman parte do Catálogo galego de árbores senlleiras.
Con 68 hectáreas de extensión, a superficie do pazo distribúese en tres espazos; o xardín, a leira e o arboredo. En maio de 2015 foi recoñecido como xardín de excelencia internacional de camelia pola Sociedade Internacional da Camelia, xa que, ademais das numerosas árbores monumentais que atopamos nos seus xardíns, tamén están presentes centos de variedades desta especie.
A ambos os dous lados da entrada principal do pazo de Rubianes, enmarcando o acceso a unha contorna de impoñente arquitectura señorial, álzase unha maxestosa parella de magnolios. Estes dous exemplares, perfectamente conservados e simétricos no seu desenvolvemento, constitúen un punto de referencia visual e botánico na entrada do xardín histórico, onde destacan polas súas sobresalientes dimensións e o seu gran valor ornamental.
Ambas as árbores presentan troncos rectos e robustos, notablemente alargados na base debido aos prominentes cordóns radicais que emerxen do terreo, unha característica que lle engade expresividade ao conxunto e revela a súa madurez. Os fustes crecen con marcada verticalidade, libres de ramificacións nos seus primeiros metros, ata alcanzar a cruz a máis de catro metros de altura. A partir dese punto, as ramas esténdense de maneira radial, configurando copas amplas e globosas, de gran volume e equilibrio formal, que dominan visualmente a contorna inmediata.
Malia que comezan a apreciarse certos indicios da tensión causada pola compactación do solo, esta circunstancia non lle resta beleza nin monumentalidade ao conxunto. Esta parella de magnolios non só contribúe á riqueza botánica do xardín, senón que tamén reforza a teatralidade do acceso ao pazo ao establecer un diálogo entre a natureza cultivada e a arquitectura nobre que define este enclave histórico de Vilagarcía de Arousa.
Contorna
Na entrada principal do pazo de Rubianes, flanqueando con solemnidade o acceso ao predio, álzase unha impoñente parella de magnolias que lles dá a benvida ás e aos visitantes e introduce, con elegancia, a valiosa colección de plantas ornamentais que conforman o xardín histórico. Nesta contorna coidadosamente deseñada, onde cada especie parece ocupar un lugar pensado con sensibilidade e propósito, estas magnolias achegan unha nota exótica e destacan pola forma globosa das súas copas e a textura brillante da súa follaxe perenne.


