Ateneo Provincial pola Igualdade

“Mulleres de palabra(s)”

De marzo a outubro de 2026

Trátase dunha programación do Ateneo Provincial pola Igualdade da Deputación de Pontevedra na que as protagonistas serán as escritoras e as palabras a través das que contan o mundo con perspectiva de xénero.


Nesta segunda edición mantemos o formato de conversas, recitais e obradoiros e incorporamos a creación dunha biblioteca ambulante para chegar aos centros escolares da provincia e un evento especial para celebrar o Día das Escritoras como peche do programa.

O obxectivo volve ser reivindicar a palabra das mulleres escritoras do pasado e do presente e crear espazos compartidos nos que fomentar a lectura, a descuberta de voces femininas, a conversa, a escoita colectiva e a reflexión con perspectiva de xénero.

ACTIVIDADES:

  • Creación da biblioteca “Mulleres de palabra(s)”
    • As recomendacións literarias da primeira edición, e a obra das autoras participantes, chegarán aos centros escolares e IES da provincia cunha biblioteca ambulante que permitirá achegarlles as historias escritas por mulleres ao alumnado, ao persoal docente e ás familias. Coa itinerancia da biblioteca, facilitaráselle ao centro a listaxe de títulos, ordenada por xéneros e por idade do público lector, e tamén os nomes das autoras que poden estar dispoñibles para visitar os centros, coñecer a nosa biblio e manter encontros co alumnado ou participar en clubs de lectura que existan nos centros escollidos. A visita das autoras é un ofrecemento ao centro que acolla a biblioteca.
    • Formato: encontro con escritora.
  • Sábado 28 de marzo, ás 12:30 h, no Pazo provincial, Pontevedra. Día Mundial da Poesía
    • Os tres últimos premios nacionais de poesía son mulleres galegas: Miriam Reyes (2025), Chus Pato (2024) e Yolanda Castaño (2023); celebraremos o Día da Poesía cun convite para conversar e recitar con elas.
    • Formato: recital e conversa.
    • Prazas: 100.
  • Mes de abril en Pontevedra, no Edificio Administrativo da Deputación. Obradoiro para Ler Poesía con Dores Tembrás
    • Dores Tembrás é parte de Apiario, un referente en Galicia na edición artesanal de libros de poesía e na organización de obradoiros para educar o público lector. A edición do ano pasado dentro do noso ciclo foi un éxito.
    • Este obradoiro será de novo un lugar de encontro coa poesía; unha aproximación ao xénero para quen queira iniciarse ou atopar novas lecturas de autoras clásicas e contemporáneas. Así, colocarémonos do lado do poema e das poetas para ler e desler durante catro encontros semanais. Pecharemos o encontro coa visita da pontevedresa Elvira Ribeiro Tobío.
    • Formato: obradoiro.
    • Duración: catro sesións semanais (os xoves de abril, de 19:30 a 21:00 h).
    • Prazas: de 20 a 25.
  • Mes de maio en Marín, no auditorio municipal. “Territorios literarios: Marín nas novelas de Arantza Portabales”. Conversa coa autora
    • Citámonos no novo espazo cultural de Marín cunha autora marinense que presentará a súa nova novela, Asasinato no muíño do cura, a segunda entrega da triloxía Os crimes de Loeiro, na que os espazos reais do concello de Marín e de Galicia teñen moito protagonismo. Arantza ten milleiros de lectoras e lectores fóra de Galicia que poñen no mapa o noso territorio grazas ás súas palabras. Ademais, as mulleres son as grandes protagonistas da súa obra e quen sabe se cobrarán voz e vida en directo neste encontro especial!
    • Formato: conversa e interpretación de textos en directo.
    • Entrada libre ata completar a capacidade.
  • Mes de xuño na Lama, no espazo Fundación Ofirvida. Obradoiro de Cerámica Arela. A Lista de Desexos, con Andrea Fernández Plata
    • Repitamos experiencia no espazo Ofirvida da Lama. Na primeira edición apostamos polo bordado e a fotografía; nesta ocasión usaremos a cerámica para traballar con palabras. Un obradoiro en tres sesións que impartirá Andrea Fernández Plata, escritora e creadora do espazo La Platanera na Illa de Arousa.
    • Formato: obradoiro.
    • Sábados 13, 20 e 27 de xuño en horario de mañá.
  • 18 de setembro, no xardín do Palacete das Mendoza. “Escribir e cantar: a música das palabras”. Conversa con Antía Otero (poeta) e Guadi Galego (cantante e compositora)
    • Conversa sobre o proceso de creación e os temas que abordan coa súa palabra poética e feita canción; recitado de Antía e interpretación por parte de Guadi en acústico.
    • Formato: recital, conversa e música en directo.
    • Entrada libre ata completar a capacidade.
  • 17 de outubro, Día das Escritoras: “Le con nosoutras”.
    • Coordinado por Mercedes Corbillón e Gemma Sesar. Convidarémosvos a ler unha hora en silencio nun lugar moi especial, coa compañía da autora María Sánchez para conversar ao final.
    • Formato: lectura e conversa.
    • Tema: Mulleres de palabra(s); ler autoras galegas e do mundo.
    • Prazas: 50.
— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 12 resultados.