A Deputación rexistra na feira World Travel Market de Londres unha elevada demanda de información sobre as rutas cara Compostela que percorren a provincia

Os castelos e a ruta da camelia espertaron tamén o interese do mercado británico, fundamental para a institución provincial por tratarse dun público que viaxa fóra de temporada alta

05/11/2026

A Deputación rexistra na feira World Travel Market de Londres unha elevada demanda de información sobre as rutas cara Compostela que percorren a provincia

A Deputación rexistra na feira World Travel Market de Londres, na que participou por segundo ano consecutivo cun mostrador propio, unha elevada demanda de información sobre as rutas cara Compostela que percorren a provincia. A directora de Turismo Rías Baixas, Romina Fernández, destaca que os castelos e a ruta da camelia espertaron tamén o interese do mercado británico, fundamental para a institución por tratarse dun público que viaxa fóra de temporada alta.

Ao longo das xornadas de feira, na que tamén participou a Xunta de Galicia, o Clúster de Turismo, representantes de entidades turísticas da provincia de Pontevedra e máis de 23 empresas galegas, Romina Fernández mantivo reunións con axencias de viaxes, turoperadores e medios de comunicación, así como guías turísticos e escritores de libros de viaxes. Nas xuntanzas, detectouse o elevado interese nos camiños que atravesan a provincia cara Santiago, tanto polas diferentes rutas xacobeas como o Camiño Portugués, o Camiño Portugués pola Costa, o Camiño de Inverno ou a Vía da Prata, como polos itinerarios alternativos de peregrinación, entre os que destacan a Variante Espiritual do Camiño Portugués, a Ruta do Padre Sarmiento ou a Ruta de Ignacio Taverneiro. Ademais, o mostrador de Turismo Rías Baixas foi visitado pola embaixadora de España e a secretaria de Estado de Turismo.

No posto informativo de Turismo Rías Baixas na World Travel Market, situado a carón do de Galicia no corredor central do stand de Turespaña, proxectáronse imaxes da campaña promocional Rías Baixas: a túa meta, o teu destino, coa que a Deputación está a divulgar a provincia neste 2026. Ademais distribuíuse material informativo relacionado coas experiencias que se poden desenvolver na provincia, co patrimonio cultural e o patrimonio natural, con elementos da gastronomía pontevedresa como o cocido de Lalín, ademais de coas rutas que se poden realizar ou cos castelos, acompañado de mostras de TéAreeiro e de aceite de camelia.

A participación de Turismo Rías Baixas na World Travel Market, unha das grandes citas profesionais da industria turística mundial, permitiu potenciar a visibilidade da provincia de Pontevedra no mercado británico, segundo país emisor internacional para Galicia, así como reforzar a imaxe de Rías Baixas como destino turístico sustentable, seguro e de calidade. Na edición do 2025 da World Travel Market participaron 46.000 persoas de 182 países e no seu recinto concentráronse máis de 4.000 expositores internacionais. Para a Deputación de Pontevedra o turismo internacional constitúe un dos principais motores de crecemento do sector turístico provincial. O pasado ano foron preto de 627.000 os visitantes estranxeiros que chegaron á provincia, un 10% máis que no exercicio anterior e, deles, os visitantes do Reino Unido son os segundos que máis visitan o destino Rías Baixas.

Etiqueta Negra

Turismo Rías Baixas participará esta fin de semana na feira Etiqueta Negra, que reunirá por noveno ano en Pontevedra a profesionais do sector da gastronomía e da alimentación, produtores e consumidores co fin de divulgar as tendencias de mercado, identificar novas liñas de negocio e difundir a excelencia dos produtos delicatessen e gourmet galegos. Este ano, a institución provincial organizará o vindeiro sábado, 7 de novembro, ás 18:30 horas, un showcooking cos cociñeiros Yayo e Esther Daporta.

Galerias de imaxes

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 4 resultados.