A Deputación incrementa nun 6% os recursos destinados a Cooperación Municipal, Asistencia Intermunicipal e Xestión e Recadación dos Tributos Locais, que ascenden no 2026 a máis de 92,6 millóns de euros

A deputada de Cooperación Municipal, María Ramallo, subliñou que o incremento dos recursos para os concellos servirá “para seguir apuntalando a este goberno como o máis municipalista da historia da Deputación”

19/11/2025

A Deputación de Pontevedra incrementa nun 6% os recursos destinados a Cooperación Municipal, Asistencia Intermunicipal e Xestión e Recadación dos Tributos Locais, que ascenden no 2026 a máis de 92,6 millóns de euros. Os deputados delegados destas tres áreas, María Ramallo, Pablo Castillo e Alejandro Lorenzo, puxeron en valor que por terceiro ano consecutivo a Deputación destinará 1 de cada 3 euros do seu orzamento para apoiar aos concellos.

A deputada de Cooperación Municipal, María Ramallo, subliñou os 75,8 millóns de euros que no 2026 recalarán nos concellos a través das diferentes liñas de axudas do organismo provincial. Trátanse de máis de 4,3 millóns de euros que con respecto ao ano 2025 “para seguir apuntalando a este goberno provincial como o máis municipalista da historia da Deputación”.  Pola súa banda, Pablo Castillo enxalzou a partida derivada á Asistencia Intermunicipal, que ascende aos preto de 4 millóns de euros no 2026, coa que “seguiremos axudando aos concellos, para que garantan unha correcta atención á cidadanía e sigan prestando un servizo público axeitado”. E o deputado de Xestión Tributaria, Alejandro Lorenzo, remarcou que cos preto de 13 millóns de euros que se destinarán no 2026 ao ORAL “imos seguir incrementando a nosa presenza no territorio, prestando maiores facilidades aos contribuíntes e aos concellos”.

Deste xeito, entre outras moitas iniciativas, destinaranse aos concellos de menos de 50.000 habitantes 50 millóns de euros a través do Plan +Provincia, que abre a posibilidade aos gobernos locais de solicitar o adianto dos recursos que lle corresponden para a anualidade do 2027. Ademais 35 millóns de euros chegarán  o próximo ano aos concellos a través do Plan Extra, que está fóra do orzamento provincial ao igual que os 8 millóns de euros do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas, co que os recursos para os municipios ascenden a 128 millóns de euros no 2026. Ademais, as dúas cidades da provincia, Vigo e Pontevedra, seguirán contando co estreito apoio da Deputación, con 7,5 millóns de euros para financiar convenios de obras.

Desde o ano 2023 e co orzamento aprobado para o vindeiro ano, serán máis de 300 millóns de euros os recursos dirixidos polo Goberno provincial a Cooperación Municipal, Asistencia Intermunicipal e Xestión e Recadación dos Tributos Locais. Recursos que contribuirán a espallar o municipalismo e a garantir unha mellor e maior prestación dos servizos públicos nos concellos da provincia de Pontevedra.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 7 resultados.