A Deputación reabre ao tráfico en tempo récord a EP-8002 Caldas-San Clemente logo de investir 150.000 € nunha obra de emerxencia para evitar riscos de afundimento
Cos traballos de asfaltado encarando a súa recta final, a previsión de apertura sitúase nesta mesma noite
19/06/2026
A Deputación prevé reabrir ao tráfico esta mesma noite a EP-8002 Caldas-San Clemente unha rematen as últimos traballos de asfaltado na zona, onde o goberno provincial está a investir 150.000 euros nunha obra de emerxencia no punto quilométrico 0+600 para evitar riscos de afundimento. Dita actuación foi executada en tempo récord, xa que a pesar de ter un prazo estimado de tres meses, en menos dun mes está a ser rematada e, deste xeito, arranxar os problemas de seguridade viaria detectados nunha inspección realizada por técnicos provinciais.
Nesta inspección técnica constatouse a existencia de importantes cavidades baixo a estrada, nunha zona na que existe un muro de contención de considerable altura. Estas oquedades provocaron a perda de material de recheo baixo a calzada e manifestábanse na aparición de gretas no pavimento. Segundo os informes técnicos, de continuar avanzando esta situación podería producirse o afundimento da estrada, co conseguinte perigo para a seguridade viaria.
Coas obras de urxencia desenvolvidas, reparouse a situación para evitar que siga caendo material de recheo baixo a estrada cara a base da estrutura de contención existente. Deste xeito, fresouse o asfalto, retiráronse terras ata chegar á base da estrutura de contención, garantiuse unha correcta drenaxe das augas procedentes dun nacemento natural existente baixo a estrada, así como realizouse o recheo, compactación de terras e reposición do firme para recuperar a circulación con plenas garantías de seguridade. Nestes momentos estase a rematar co asfaltado e a próxima semana está previsto que se realice o pintado da vía.
Por outra banda, o goberno da Deputación aclara que as ata cinco alternativas viarias polas que se desviou o tráfico neste tempo son titularidade do Concello, polo que non pode responsabilizarse do seu actual estado.
