A Deputación aproba 700.000 do Plan +Provincia para financiar cinco actuacións en Mondariz Balneario, Mos, O Rosal, Salvaterra de Miño e Tomiño
Mondariz Balneario e O Rosal empregarán máis de 180.000 euros para complementar o financiamento dos seus proxectos financiados ao abeiro do segundo Plan Extra – Provincia Extraordinaria
26/06/2026
A Deputación de Pontevedra aprobou este venres na Xunta de Goberno cinco achegas por valor de máis de 715.000 euros para os concellos de Mondariz Balneario, Mos, O Rosal, Salvaterra de Miño e Tomiño no marco do Plan +Provincia 2026-2027. O presidente provincial, Luis López, anunciou que os recursos provinciais permitirán financiar cinco actuacións que repercutirán na mellora de diversos espazos e infraestruturas públicas municipais, entre eles dúas actuacións previamente financiadas pola Deputación no marco da segunda convocatoria do Plan Extra – Provincia Extraordinaria: as de Mondariz Balneario e O Rosal. “A cada semana que pasa, máis avanzamos no reparto dos 85 millóns de € cos que conta este plan, que é fundamental para que Pontevedra sexa na que se presten servizos públicos de calidade”, sinalou Luis López.
Mondariz Balneario recibirá preto de 87.000 € para a recuperación do espazo público na contorna dos seus hoteis, no treito entre a Avenida de Enrique Peinador Vela entre os entronques coa PO-254 e coa rúa Javier Solano. Con estes recursos, a actuación pasa a estar integramente financiada pola Deputación, sumándoos aos máis de 492.000 € que obtivo a través do Plan Extra. Intervense nunha área de máis de 3.000 m2 para poñer en valor o conxunto arquitectónico de carácter monumental e a protección das súas árbores de gran porte. Renaturalizarase a avenida, con prioridade peonil e tráfico restrinxido, con pavimento de terra compactada. A rúa Javier Solano terá plataforma única e un sentido de circulación, pavimentada en lastros na zona da calzada e a praza, con áreas de granito nas beirarrúas e no círculo situado na intersección. A área peonil diferenciarase con mobiliario urbano. Na praza circular formúlase unha gran plataforma circular, con tráfico só no trazado da estrada autonómica e tránsito restrinxido para servizos do hotel.
O Rosal tamén financiará integramente a súa actuación do Plan Extra, a reurbanización da rúa da Estrada, en Pías, cunha achega de 95.000 € que se suma aos 378.000 € concedidos a través deste plan, facendo un total de 473.000 €. O obxectivo é fomentar este lugar como lugar de encontro cidadán, especialmente no medio rural da vila, onde non son tan habituais. Destacará polo uso de materiais nobres como lastro de granito e lousados, pola incorporación de elementos arbóreos e mobiliario e pola plataforma única de convivencia con prioridade peonil que xerará distintos espazos ao longo do trazado. Tamén se mellorarán as redes, separando a de pluviais para mellorar a xestión das augas de escorrentía. Ademais desta rúa de carácter de estancia, tamén se mellorarán os camiños da Melania, de San Gregorio e do Cotro.
Mos recibirá máis de 252.000 € do Plan +Provincia para financiar unha senda peonil entre o IES de Mos e a sede da asociación ASO.DI.FI.SI, que suporá a mellora da seguridade viaria, a mobilidade sostible e a posta en valor do patrimonio cultural e natural nas parroquias de Petelos, Dornelas e Torroso e que dará continuidade a un itinerario circular peonil iniciado coa senda das Pozas ata o local da asociación. No marco deste proxecto procederase á limpeza e roza dos bordes, con desmontaxe e demolición de elementos previos, á execución dos firmes e pavimentos (xabre e formigón), á reposición da rede de drenaxe, á colocación de zapatas illadas para elementos singulares, a mellora da sinalización, a execución de elementos redutores físicos da velocidade, a redistribución da iluminación pública coa substitución das luminarias e o soterramento da rede, e unha actuación de ordenación ecolóxica, estética e paisaxística.
Salvaterra de Miño levará a cabo a mellora do acceso ao polígono Chan da Ponte polo Casal a través dunha senda peonil na entrada, a pavimentación dos accesos, o axusta das rasantes e a creación dunha zona de aparcamento. As obras contemplan a limpeza e fresado, a execución dos firmes e pavimentos, e a execución das redes de augas pluviais, de abastecemento de auga e rego, de iluminación e electricidade, así como a execución de muros e a instalación da sinalización horizontal e vertical.
Por último, Tomiño recibirá máis de 64.000 € co obxecto de instalar todo o equipamento técnico para acondicionar o andar baixo e o escenario da Casa da Cultura tras a súa recente renovación interior e mellora enerxética, que foi realidade grazas aos fondos da Deputación no marco do plan PON2030. En concreto, o material divídese nun sistema de vídeo e proxección (proxector, pantalla motorizada e sistema de proxección sen fíos), nun sistema de son (equipos de amplificación, microfonía sen fíos e control técnico de son) e outro de iluminación escénica (sistema de alumeado técnico básico, incluíndo o control de luces e o motorizado do truss ou estrutura de soporte).