A Deputación pon en valor o próximo venres en Ribadumia o papel das mulleres no mundo do viño
O faladoiro forma parte do programa provincial Aquí faltan páxinas, e terá lugar o venres 19 de xuño ás 19:30 horas no Auditorio de Ribadumia
13/06/2026
O Auditorio de Ribadumia acolle o vindeiro venres 19 de xuño, ás 19:30 horas, un novo faladoiro da terceira edición do programa Aquí faltan páxinas, impulsado pola Deputación de Pontevedra para rescatar historias de mulleres que non adoitan ser contadas. Nesta ocasión as protagonistas serán as mulleres do mundo do viño e as persoas asistentes terán a oportunidade de coñecer o seu papel da man de Anónimas Viticultoras, que estarán acompañadas da deputada de Igualdade, Paula Bouzós, e do alcalde de Ribadumia, David Castro.
No faladoiro do programa Aquí Faltan Páxinas analizarase, da man de Anónimas Viticultoras, que acadou o Premio Isabel Mijares na categoría de mellor novo proxecto, dentro da Barcelona Wine Week, a traxectoria das mulleres no mundo do viño e como van abríndose camiño nun sector no que tamén aumenta o seu recoñecemento. Tradicionalmente, elas foron as encargadas do coidado das viñas, da vendima, do pisado e da conservación, e transmitiron saberes vitivinícolas de xeración en xeración. Co paso do tempo, moitas asumiron a xestión das adegas, especialmente cando os homes emigraban. Nos últimos anos, a súa presenza profesionalizouse e diversificouse: enólogas, sommelieres, comercializadoras e responsables de innovación, ademais de liderar proxectos premiados na Denominación de Orixe Rías Baixas.
A terceira edición do programa Aquí faltan páxinas, que busca enxalzar a figura de grandes mulleres vinculadas á provincia e relevantes na historia, terá continuidade con máis faladoiros. Tralos xa desenvolvidos sobre as alfombristas, Juaniña do Porriño, Concepción Pérez Iglesias, as Nais contra a Droga, as mulleres de Gargamala, Marisol Soengas, Matilde Vázquez, Rita Fernández Queimadelos, Corona González e este centrado nas mulleres do mundo do viño, seguiranlle outros nos que se narrarán as historias da cineasta Cruz Risco e das primeiras policías locais, Marina Ledo e Begoña Villar.