A Deputación ultima os días para que as agrupacións de Protección Civil da provincia soliciten axudas provinciais por valor de 100.000 €

O prazo de presentación de solicitudes destas axudas, que o pasado ano beneficiaron a 22 agrupacións da provincia de menos de 50.000 habitantes da provincia, permanece aberto ata o próximo luns 15 de xuño

09/06/2026

A Deputación ultima os días para que as agrupacións de Protección Civil da provincia soliciten axudas provinciais por valor de 100.000 €

A Deputación de Pontevedra mantén ata o próximo luns 15 de xuño aberto o prazo para solicitar as segundas axudas, dotadas con 100.000 €, dirixidas ás agrupacións de Protección Civil dos concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia. Con esta liña de axudas, que o pasado ano beneficiou a 22 agrupacións da provincia, o organismo provincial pretende seguir mellorando a calidade dos servizos de protección civil dos concellos, modernizándoos para que sexan agrupacións punteiras e de referencia na provincia de Pontevedra.

Esta liña de axudas repartirá entre 1.000 e 5.000 euros por cada agrupación e permitirá subvencionar desde maquinaria ata ferramentas de rescate e salvamento, mobiliario para o local da agrupación, equipos informáticos, equipos de comunicación e dispositivos móbiles, material de seguridade viaria, material sanitario inventariable ou EPIs.

O pasado ano beneficiáronse desta liña de axudas 22 agrupacións de Protección Civil dos concellos de Agolada, Caldas de Reis, Cambados, Cangas de Morrazo, Cerdedo Cotobade, Cuntis, Dozón, Lalín, Meis, Mondariz, Moraña, Poio, Portas, O Porriño, Ribadumia, O Rosal, Salceda de Caselas, Tomiño, Tui, Valga, Vilagarcía e Vilanova de Arousa, con recursos que oscilaron entre os máis de 2.000 e os 5.000 € por entidade.