A Deputación inicia este sábado as visitas teatralizadas ao Castelo de Sobroso con todas as prazas esgotadas

As actividades, pensadas para todos os públicos, comezarán o sábado 17 de outubro ás 16:30 horas e estenderanse ata o 1 de novembro

15/10/2026

A Deputación de Pontevedra comeza este sábado as visitas teatralizadas ao Castelo de Sobroso con todas as prazas esgotadas. As actividades, pensadas para todos os públicos, estenderanse ata o 1 de novembro do mesmo xeito que as visitas ao Castelo de Soutomaior que, neste caso, comezaron xa a pasada fin de semana. As visitas, producidas por EscénaTe, amosarán a historia dos castelos, as súas lendas e as personaxes que habitaron neles para achegalas á cidadanía dun xeito lúdico e divertido.

En total, 470 persoas desfrutarán das actividades en 26 quendas diferentes (cun aforo de 15 persoas por pase no caso de Sobroso e de 20 en Soutomaior). Nas visitas ao Castelo de Sobroso as persoas participantes gozarán de “Os sinais de Sobroso”, unha proposta na que o público integrarase na ficción como parte da poboación refuxiada na fortaleza durante o cerco sufrido pola raíña Dona Urraca e percorrerá os seus espazos descubrindo, a través da acción, como funcionaban os seus elementos e a súa relación co territorio. A experiencia combinará divulgación histórica, interpretación do patrimonio, intriga, humor e elementos da tradición galega vinculados ao Samaín e á Noite de Defuntos, nunha historia que irá facendo convivir progresivamente a realidade histórica de Sobroso coas súas lendas e coa súa memoria popular. As visitas a Sobroso, que comezan este sábado ás 16:30 horas, continúan o domingo á mesma hora e os días 24, 25 e 31 de outubro e 1 de novembro, con dous pases diarios, ás 11:30 e ás 16:30 horas.

No caso das visitas ao Castelo de Soutomaior as persoas participantes gozarán de “As voces de Soutomaior”, unha proposta que convida o público a percorrer os seus espazos a través das distintas épocas e personaxes que deixaron pegada na súa historia. Pedro Madruga e a memoria da revolta Irmandiña, o marqués de la Vega de Armijo e o ambiente social e político do século XIX, así como María Vinyals permiten descubrir a transformación do castelo en residencia, lugar de cultura e espazo aberto a novas ideas. Con humor, interacción coas e cos visitantes, elementos de lenda e momentos de emoción, a actividades converte murallas, salóns e xardíns nun escenario vivo e presente. As visitas a Soutomaior, que comezaron a pasada fin de semana, continúan o 17, 18, 24, 25 e 31 de outubro, pechándose o 1 de novembro, con dous pases diarios, ás 12:00 e ás 16:30 horas.