O Plan ReacPon da Deputación impulsa en Poio a mobilidade sostible nas rúas Saíñas e Puntada

A presidenta provincial Carmela Silva e o alcalde Luciano Sobral asinan o convenio para unha transformadora actuación de preto dun millón de euros

28/01/2022

Firma convenio ReacPon Poio
 

A recuperación de espazo público para as persoas nas rúas Saíñas e Puntada na contorna urbana de Poio será unha realidade grazas ao Plan ReacPon da Deputación, o plan de recursos extraordinarios destinados aos concellos que a institución provincial puxo en marcha para reactivar a economía da provincia. A presidenta Carmela Silva e o alcalde Luciano Sobral asinaron hoxe un convenio para iniciar unha transformadora actuación que supón un investimento de 942.000 €, dos que a Deputación aportará 753.600 euros e o concello os 188.400 restantes. A intervención permitirá impulsar unha actuación de mobilidade sostible e amable que configurará unha contorna urbana renovada máis segura, de maior calidade, accesible e centrada nas persoas.

A presidenta Carmela Silva cualificou como “moi potente e transformador” o proxecto para mellorar a mobilidade nas rúas Saíñas e Puntada e “situar como protagonistas ás persoas”. “Poio comparte coa Deputación a necesidade de transformar as vilas, pobos e cidades para convertelos en lugares desexables, atractivos, con boa calidade de vida para as persoas que aquí viven e isto conséguese recuperando o espazo público e creando unha trama urbana de calidade” destacou. Tamén subliñou que coa actuación mellorarase “moito a seguridade, algo que ten que ser o principio básico da acción política nas infraestruturas, así como a redución das emisións de gases de efecto invernadoiro, apostando así pola transición ecolóxica”.

Carmela Silva fixo fincapé na importancia de destinar recursos extraordinarios aos concellos. “Temos o Plan Concellos, que permite ás vilas e pobos dispoñer de recursos que coñecen con antelación para poder programar a súa actividade e impulsar actuacións ordinarias para garantir as competencias municipais, pero somos moi conscientes de que teñen grandes obras, grandes proxectos para os que precisan recursos extraordinarios e por iso aprobamos o ReacPon, un plan que permite ademais impulsar políticas económicas expansivas que permitan facer fronte ás consecuencias da pandemia” recordou a presidenta.

O alcalde de Poio Luciano Sobral destacou que a actuación desenvólvese “nunha contorna urbana moi consolidada, cunha densidade de poboación moi alta, e preto do Museo de Colón que pretendemos que sexa un espazo máis aberto para as persoas, máis sostible e de mellor calidade”. Tamén aproveitou a ocasión para agradecer “o gran acerto” da Deputación co ReacPon ao que cualificou de “oportunidade” xa que “permítenos traballar e sacar adiante obras para mellorar a calidade de vida das persoas que viven nos concellos con criterios claros, ben definidos, e sen mendigar, como era habitual en épocas anteriores”.  Amais Sobral púxose á disposición da administración provincial para “traballar en común e construír unha provincia con futuro, máis amable para vivir e respectuosa coa contorna”.

O proxecto

Trátase dunha actuación nas rúas Saíñas e Puntada, partindo da praza Cirstóbal Colón e rematando na Escola Infantil Saíñas e no grupo de casas da travesía Segunda Puntada. Actuarase nunha zona con superficie de 5.639,95 metros cadrados na que se recuperará o espazo público para as persoas mellorando a mobilidade, aumentando a seguridade, reducindo as emisións de gases de efecto invernadoiro e impulsando un cambio cara as formas de transporte máis sostibles e menos contaminantes. Tamén pretende impulsar o atractivo turístico na contorna e parte, para elo, das cuestións referentes á humanización de Portosanto así como da potenciación do itinerario peonil neste núcleo e a introdución dun sendeiro peonil entre Pontevedra e Lourido.

No ámbito de actuación executarase unha plataforma única e zonas de convivencia persoas-vehículos, reorganizarase o tráfico rodado así como introducir elementos de calmado de tráfico. Tamén renovaranse as redes de saneamento, recollida de pluviais, abastecemento e alumeado público, apostando pola eficiencia e sostibilidade. O resultado será un renovado espazo público e de calidade, accesible, seguro, saudable, sostible, amable, inclusivo e que promove a autonomía infantil e a actividade económica e de proximidade.

videos

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 12 resultados.