A Deputación acolle no Museo de Pontevedra un novo curso de historia da moda, centrado no século XX

Carolina Munáiz impartirá o curso ‘alegacións a Medida: Moda do Século XX’, que arranca este mércores e se prolongará durante dez semanas

04/10/2026

A Deputación acolle no Museo de Pontevedra un novo curso de historia da moda, centrado no século XX

O Museo de Pontevedra organiza un novo curso sobre a relación da moda coa arte e a historia. Despois do dedicado en 2024 á evolución desde o Antigo Exipto ata finais do XVIII e o de 2025 centrado no século XIX, este mércores comeza ‘Alegacións a Medida: Moda do Século XX’. De novo será impartido por Carolina Munáiz ao longo de dez sesións, os mércores ás 19:00 horas no Edificio Castelao e desde o 7 de outubro ao 9 de decembro.

O curso é de acceso libre. Aquelas persoas que queiran obter un certificado de asistencia, deberán inscribirse previamente en reservas.museo@depo.gal e asistir como mínimo ao 70% das sesións. Cada sesión, de hora e media de duración, centrarase na vinculación e incidencia da moda de determinados momentos ou acontecementos destacados do século XX nos eidos da historia e a arte, coa especial incidencia da música e do cine.

As primeiras dúas sesións centraranse no final do século XIX e no comezo do XX coa carreira vangardista. A partir da terceira sesión farase un percorrido década a década, desde a moda para a evasión dos anos vinte ata a antimoda pudorosa dos anos noventa.

Carolina Munáiz é docente na Escola Superior de Deseño de Moda Formarte da Coruña, titulada en Ilustración pola EASD Pablo Picasso e con formación de primeiro ciclo da Escola de Canteiros de Pontevedra. É profesora das materiais de Historia da indumentaria e de Historia da arte e da moda do século XX. Compaxina o labor docente coa súa traxectoria como pintora.

Programa completo

 

  • 7 de outubro. Final de século, final dunha vestimenta
  • 14 de outubro. Comeza o século XX. A carreira vangardista
  • 21 de outubro. Anos vinte. Moda para a evasión
  • 28 de outubro. Anos trinta. Entroido en tempos duros
  • 4 de novembro. Anos corenta. Contenda e competencia
  • 11 de novembro. Anos cincuenta. Conservadorismo dourado
  • 18 de novembro. Anos sesenta. A alta costura á rúa; a rúa á revolución
  • 25 de novembro. Anos setenta. Cambios de xénero, brillos e anarquía
  • 2 de decembro. Anos oitenta. Materialismo en talle grande
  • 9 de decembro. Anos noventa. A antimoda pudorosa