A Deputación achega este sábado a Ponte Caldelas o espectáculo Cotorras no marco de +Escénicas
A peza teatral, pensada para un público adulto, da compañía Malasombra representarase no CEIP Manuel Cordo Boullosa ás 20:00 horas
22/09/2026
A Deputación de Pontevedra achega este sábado 26 de setembro a Ponte Caldelas o espectáculo Cotorras da compañía Malasombra. A función forma parte da programación do circuíto +Escénicas, unha iniciativa da institución provincial que apoia a programación de teatro e danza nos concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia. O público poderá desfrutar do espectáculo no CEIP Manuel Cordo Boullosa a partir das 20:00 horas.
Cotorras é un espectáculo pensado para un público adulto que o sitúa no interior dunha casa aparentemente ordenada e confortable, onde un matrimonio se prepara para recibir a unha parella de amigos cos que quedaron para cear. Mentres ultiman os detalles, el, un político en plena campaña de reelección, aparece na televisión pronunciando un discurso feminista impecable: palabras medidas, xestos ensaiados, consignas sobre igualdade, empoderamento e xustiza social, pero… por que esas palabras non teñen cabida na súa propia casa? Cotorras é unha divertidísima comedia que mostra a hipocrisía deste político cun discurso público feminista e unha actitude tremendamente machista na súa vida privada.
Co circuíto +Escénicas, a Deputación dá resposta a unha demanda que o sector profesional levaba facendo desde fai preto de 20 anos. Tralo éxito da primeira e da segunda edición, a institución provincial volve programar un novo ciclo desta iniciativa, que medrou o seu orzamento nun 36% desde a súa posta en marcha ata situarse en 204.000 euros. Cada concello puido solicitar ata cinco actuacións de teatro e danza entre as dispoñibles no catálogo de +Escénicas, que inclúe máis de 600 propostas, en réxime de cofinanciamento: a Deputación asume o 90% nos concellos de menos de 5.000 habitantes, o 80% nos concellos de entre 5.000 e 10.000, e o 70% nos de entre 10.000 e 20.000 habitantes. As funcións terán lugar ata o 31 de marzo de 2027.