A Deputación ilumina este xoves de azul o Pazo provincial con motivo do Día Mundial da Pneumonía

A institución provincial súmase ás accións de visibilización promovidas ao abeiro da campaña mundial de sensibilización Pneumolight para aumentar a visibilidade desta enfermidade en todo o mundo

10/11/2026

A Deputación de Pontevedra iluminará de azul desde este xoves 12 de novembro ás 20:00 horas ata as 7:30 horas do 13 de novembro o Pazo provincial con motivo do Día Mundial da Pneumonía. Con esta iniciativa o organismo provincial contribúe a dar visibilidade a esta enfermidade infecciosa e a concienciar á poboación sobre os seus riscos.

A Deputación súmase así ás accións promovidas ao abeiro da campaña mundial de sensibilización Pneumolight, un proxecto colaborativo e sen fins de lucro que quere dar visibilidade a esta enfermidade a través da educación e a participación pública. Unha campaña, ademais, que forma parte da coalición mundial Every Breath Counts, da European Lung Foundation e da Federación Nacional de Asociacións de Enfermidades Respiratorias (FENAER), e conta co apoio de 36 organizacións e sociedades científicas de todo o mundo.

A pneumonía é unha enfermidade respiratoria infecciosa que se presenta a calquera idade, pero que afecta especialmente á poboación menor de 5 anos e aos maiores de 65. Nas últimas dúas décadas, os avances na vacinación, as melloras na alimentación e os tratamentos favoreceron a loita contra esta doenza, axudando a que a taxa de mortalidade se vira reducida á metade, sobre todo na poboación infantil. Malia iso, a pneumonía, que provoca a inflamación dos pulmóns por unha infección producida por virus ou bacterias e afecta de maneira desigual aos distintos países do mundo, causa 2,5 millóns de mortes ao ano en todo o mundo sendo, segundo a Organización Mundial da saúde (OMS), a maioría evitables se se toman as medidas de prevención apropiadas.