A Deputación continúa en Redondela o programa Ao son da nova regueifa para difundir a importancia da expresión oral para revitalizar a lingua galega
No marco do programa, do que se beneficiarán un total de 30 centros educativos de secundaria públicos, difundirase unha peza documental que aborda o proceso de recuperación desta práctica cultural
26/10/2026
A Deputación de Pontevedra continúa esta semana en Redondela as actividades do programa Ao son da nova regueifa, unha pioneira iniciativa provincial que chega aos centros educativos de secundaria sostidos con fondos públicos para divulgar entre a mocidade esta forma de expresión oral improvisada para a lingua. A actividade terá lugar este mércores 28 de outubro para o alumnado do IES Pedro Floriani, e os centros que estean interesados aínda teñen ata o 30 de novembro para solicitar a súa adhesión de xeito totalmente gratuíto.
A Deputación oferta un total de 30 pases do documental “Ao son da nova regueifa”, no que se aborda a revitalización das regueifas, combates de enxeño onde as persoas participantes van cantando por quendas, respondéndose unhas ás outras, con rimas rápidas e moita retranca, normalmente ao ritmo dunha melodía popular. O documental analiza o proceso de recuperación desta práctica cultural que historicamente tivo presenza en múltiples comarcas galegas, incluíndo diferentes zonas do sur da provincia. A peza tamén reflexiona sobre a súa capacidade de adaptación ás novas xeracións, aos espazos urbanos e aos ámbitos educativos, consolidándose como unha ferramenta de transmisión interxeracional. Máis que unha simple reportaxe, o documental funciona como un testemuño de como o patrimonio inmaterial galego se adapta ás novas xeracións para seguir vivo.
No ano 2025 a Real Academia Galega dedicou o Día das Letras Galegas á poesía popular oral. Neste contexto, dentro das tradicións populares, xorde a improvisación oral da lingua galega en verso, que inclúe as regueifas, os brindos, as loias e outras modalidades similares que teñen como fío común a oralidade, o desafío, a rima, o enxeño e a arte. A regueifa favorece a competencia lingüística mediante o enriquecemento do vocabulario, o dominio da rima e a mellora da fluidez oral, ao tempo que impulsa o pensamento crítico e anima ao alumnado a escoitar, analizar e responder con rapidez e coherencia.