Luis López anuncia a incorporación de Agustín Reguera á Deputación como novo director de Acción Municipal e Investimentos para reforzar a aposta polos concellos

O mandatario provincial destaca a recoñecida traxectoria e os valores do municipalismo que comparte co goberno provincial do que foi alcalde de Soutomaior durante 28 anos e delegado territorial da Xunta en Pontevedra

03/06/2026

Luis López anuncia a incorporación de Agustín Reguera á Deputación como novo director de Acción Municipal e Investimentos para reforzar a aposta polos concellos

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, anuncia a incorporación de Agustín Reguera, que vén de rematar a súa etapa como delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, como novo director de Acción Municipal e Investimentos do goberno provincial. Coa súa chegada, a Deputación suma ao seu proxecto a un profesional de recoñecida traxectoria no municipalismo, que coñece todos os recunchos da provincia e que entende á perfección o funcionamento e as particularidades da administración local tanto polos seus 28 anos como alcalde de Soutomaior como polos tres anos que ocupou o posto de representante do goberno autonómico en Pontevedra.

“Coa incorporación de Agustín Reguera gaña a provincia porque é un gran valedor do municipalismo que porá todo o seu coñecemento e a toda a súa vontade para estreitar aínda máis as relacións da Deputación cos 61 concellos da provincia, é unha figura de referencia”, declarou o presidente Luis López despois de facer oficial o acordo. “Estou moi ilusionado e motivado con este nova etapa e por compartir os valores e compromiso da Deputación na cooperación cos concellos”, declarou o novo director de Acción Municipal.

Entre as súas funcións, Agustín Reguera asume o compromiso de deseñar estratexias e liñas de actuación para a captación de fondos e para a súa distribución entre os concellos da provincia, definir políticas dirixidas á mellora e ao fortalecemento dos concellos, prestar asistencia e asesoramento ao servizo de Presidencia e de Cooperación da Deputación e atender os alcaldes, as alcaldesas e as institucións que soliciten orientación ou apoio á Deputación.

Neste sentido, o mandatario provincial puxo en valor a ampla e recoñecida traxectoria de Agustín Reguera como servidor público, así como o seu talante conciliador e dialogante con todos os representantes do sector público e privado que vén demostrando no exercicios de todos os seus cargos públicos.

Galerias de imaxes