Luis López asina co alcalde de Agolada, Óscar Val, unha achega de case 0,6M€ para financiar ao 100% a recuperación da praza de Alameda de Brántega

O presidente provincial recibe o rexedor no Pazo Provincial para selar un acordo no que a Deputación combina recursos do Plan Extra e o +Provincia para facer posible a reforma urbana desta zona verde e da súa contorna

07/10/2026

Luis López asina co alcalde de Agolada, Óscar Val, unha achega de case 0,6M€ para financiar ao 100% a recuperación da praza de Alameda de Brántega

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, asina co alcalde de Agolada, Óscar Val, o convenio para a recuperación da praza da Alameda de Brántega e a súa contorna. Un proxecto enmarcado na segunda convocatoria do Plan Provincia Extraordinaria – Plan Extra, un programa que reparte 35 millóns de euros entre 57 concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia que resultaron beneficiarios nesta segunda entrega do Plan Extra. No Pazo provincial, López e Val selaron un acordo a través do cal o organismo provincial achega 588.235 euros para financiar ao 100% o proxecto a través da combinación dos recursos do Plan Extra (500.000€) e do +Provincia (88.235€). Unha inxección de fondos provinciais que contribúe á transformación dos espazos públicos nos concellos da provincia.

O proxecto ten como obxecto incrementar e mellorar os niveis de funcionalidade, seguridade viaria, accesibilidade e calidade do espazo público da Praza Alameda de Brántega e a súa contorna, ademais de realizar as actuacións complementarias de renovación das redes de servizos. Entre os traballos a executar contémplase a reordenación dos viarios e a execución dunha plataforma única, a ampliación do espazo peonil e a redución do carril de circulación de vehículos ao estritamente necesario. Así mesmo, o pavimento das beirarrúas pasará a ser de laxas de granito e o firme de calzada, de formigón. Tamén se peonalizará o treito que conecta a praza co auditorio para resolver a conexión visual e funcional da praza coa entrada á zona histórica de Agolada mediante bancadas e escalinatas para salvar a diferenza de cotas. No interior da praza da Alameda de Brántega reorganizaranse os espazos con novos pavimentos e escalinatas para a circulación peonil, pero respectando o arboredo existente, a fonte circular central, a pequena fonte e as marquesiñas circulares de formigón, ao tempo que se reconfigura o parque infantil con novos elementos de xogo, pavimentos máis seguros e unha zona para xogo de petanca. Do mesmo xeito, está prevista a substitución das antigas luminarias, a reorganización da localización dos novos puntos de luz e do mobiliario urbano e novas redes de servizos.

A sinatura deste acordo supón un novo paso adiante na colaboración da Deputación co Concello de Agolada, onde tamén están en marcha proxectos dirixidos ao fomento a mobilidade peonil, así como á mellora dos servizos e a transformación do espazo público.