Luis López entrega os diplomas a 74 traídas que se regularizaron grazas ás axudas +Novaqua: “O ano que vén destinaremos un 20% máis de fondos”

O mandatario provincial, acompañado pola vicepresidente Rafa Domínguez e o deputado Javier Tourís, cualifica de “completo acerto” a creación da liña de apoios de Acción Comunitaria que mobilizou 8,5M€ para financiar preto dun milleiro de proxectos

12/11/2026

Luis López entrega os diplomas a 74 traídas que se regularizaron grazas ás axudas +Novaqua: “O ano que vén destinaremos un 20% máis de fondos”

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, vén de facer entrega dos diplomas acreditativos das axudas do plan +Novaqua ás 74 entidades beneficiarias da segunda convocatoria deste plan nun encontro con comunidades de usuarios de auga celebrado nesta tarde de xoves no salón de plenos do Pazo provincial. Acompañado polo vicepresidente Rafa Domínguez, o deputado responsable do servizo de Acción Comunitaria, Javier Tourís, e outros membros do goberno; o mandatario provincial subliñou o “completo acerto” que supuxo a creación destes plans de apoio que garanten o acceso sustentable a un recurso fundamental e escaso como a auga en núcleos de poboación de toda a provincia, que desde 2023 mobilizaron 8,5M€ para financiar un milleiro de proxectos, que está a espertar o interese doutros territorios de Galicia, España e Europa e que o vindeiro ano, segundo recolle o Orzamento da Deputación, reforzará as súas partidas cun aumento do 20% ata acadar os 4M€.

“Despois de tres convocatorias do +Aqua e dúas do +Novaqua podemos afirmar que estes plans foron un completo acerto. Porque as comunidades de usuarios de augas acudistes en masa a estas convocatorias, porque fomos elevando as partidas para atender o máximo número de solicitudes ata os 8,5M€ para financiar un milleiro de proxectos, porque o vindeiro ano destinaremos un orzamento de récord, 4M€ de entrada e un 20% máis para as axudas de Acción Comunitaria; e porque outros territorios de Galicia, España e Europa xa se están a inspirar no noso modelo”, declarou o presidente provincial despois de entregar os carteis a representantes das 70 comunidades beneficiarias que asistiron ao acto.

O encargado de darlle a benvida aos asistentes foi o deputado de Acción Comunitaria, Javier Touris, quen adiantou que a partida do vindeiro ano 2027 do plan +Novaqua ascenderá ata os 432.000€, “catro veces máis do previsto na primeira convocatoria”, sinalou. A continuación, representantes das comunidades de Pazos-Chan (Cerdedo Cotobade) e de Raxeira-Mourente (Pontevedra) dialogaron sobre o impacto destas axudas nun coloquio moderado pola traballadora da Deputación, Begoña Fernández. Acto seguido, o presidente Luis López e o deputado Javier Tourís foron entregando os diplomas a cada unha das entidades beneficiarias, das que 19 pertencen á comarca de Vigo, 31, á de Pontevedra; 3, á de Arousa; 6, a do Deza; e 11, á do Morrazo.

Dúas convocatorias do +Novaqua, 143 traídas legalizadas

Cómpre lembrar que o plan +Novaqua, promovido pola Deputación a través de dúas convocatorias, ten como obxectivo regularizar a situación das traídas de auga que non dispoñen dunha concesión de augas vixente ou que non dispoñen de concesión e precisan legalizar a súa situación mediante a constitución dunha nova comunidade de augas, a renovación da concesión ou a solicitude dunha nova. A través destas axudas, a Deputación reparte axudas desde os 350 aos 4.000€ ás entidades beneficiarias para actuacións relacionadas coa redacción de proxectos para legalizar ou renovar as traídas, realización de analíticas obrigatorias, executar traballos de topografía, financiar gastos de xestión ou tramitación ou o pago de taxas. Na primeira convocatoria, o goberno provincial mobilizou 340.000€ para a concesión de 69 axudas; mentres que nesta segunda o crédito superou os 383.500€ para conceder 74 subvencións.

“Temos nesta provincia de Pontevedra un sistema único en Europa que é unha solución aos problemas de seca que padecemos cada vez con máis frecuencia en Europa, que é sustentable porque se aproveita da infraestrutura existente e que é participativa, porque implica á veciñanza. Con todo, este modelo das comunidades de auga tan noso estivo a piques de desaparecer. De non ser pola vosa implicación, hoxe moitos núcleos terían graves problemas de subministro ou, moito peor, estarían deshabitados. Sen embargo, os problemas que atopades a diario estas comunidades poñían as cousas cada vez máis difícil e, encima, estabades sos, porque a Deputación non vos prestaba nin a máis mínima axuda. Pero iso intentamos que mudara tan pronto como entramos no goberno, no ano 2023. Aínda lembro cando o deputado de Acción Comunitaria, o maior valedor do movemento veciñal da provincia, Javier Tourís me presentou a proposta dos plans +Aqua para botarvos unha man, axudar a financiar obras e asistirvos nos trámites administrativos”, expuxo o presidente da Deputación.

Despois de facer referencia á presentación destes plans en Bruxelas, no marco da Semana Europea das Rexións e as Cidades, e remarcar o interese que suscitou entre os representantes de distintos países da Unión Europea, así como doutros territorios de Galicia e España, este modelo de xestión da auga sustentable e democrático, o dirixente provincial concluíu o encontro cun desexo: “Oxalá nos pidades axuda moitos anos máis. Menos de regularización, e máis de apoio ás comunidades xa existentes. Sería un sinal que as traídas van pouco a pouco normalizándose, e seguen collendo o camiño da modernidade” , rematou Luis López.

.

Galerias de imaxes

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 4 resultados.