Luis López enxalza a “espectacular” construción da Casiña do Corpus como un dos moitos exemplos da axenda de investimento da Deputación en Ponteareas
O mandatario provincial, acompañado pola alcaldesa Nava Castro, celebra a posta en marcha dun centro no que a Deputación investiu 440.000€ que funcionará como oficina de turismo e museo ao aire libre para proxectar esta festa de interese internacional
02/09/2026
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, salienta o impulso á protección e proxección da festividade do Corpus e a un destino turístico descentralizado e ligado á cultura como Rías Baixas que supón a apertura da Casiña do Corpus, un novo espazo para desfrutar desta festa de interese internacional os 365 días do ano de xeito presencial e virtual. Un proxecto promovido pola Deputación ao abeiro do Plan de Sustantebilidade Turística en Destino do Condado e a Paradanta valorado en máis de 440.000 euros executado en tempo récord. “En febreiro estabamos asinando o convenio e hoxe xa é unha realidade”, enmarcou o mandatario provincial en Ponteareas nun acto no que tamén participou a alcaldesa e exdeputada provincial de Turismo, Nava Castro.
A Casiña do Corpus está xa en funcionamento como un museo ao aire libre que exercerá o papel, por un lado, de espazo permanente de recepción, información e atención turística; e, por outro, unha oferta para que o visitante a posibilidade de revivir o espectáculo do Corpus e das súas alfombras florais todos os días do ano de xeito virtual, así como recoñecer o labor de todas as xeracións de alfombristas de Ponteareas. Do mesmo xeito, este proxecto contribúe a consolidar á provincia como un destino turístico internacional, descentralizado e desestacionalizado e ligado á cultura e ao territorio. “Se nas Rías Baixas estamos tendo tan bos datos e a xente proba e repite é por moitos factores. Un deles é a hospitalidade dos veciños e do sector e outro é a atención do persoal das oficinas de turismo, que é clave”, recoñeceu López, quen amosou a súa satisfacción pola posta en marcha dunha instalación que “vai dar un impulso a un referente cultural para a provincia como é o Corpus de Ponteareas”.
A apertura deste museo ao aire libre e oficina de turismo ten na alcaldesa Nava Castro a unha das súas principais artífices. “Facer realidade proxectos coma este só pode ser posible se ao outro lado da mesa hai persoas como Nava Castro, porque requiren planificación, buscar recursos económicos para aforrarllos ao concello e resolver imprevistos”, salientou o presidente, quen admitiu tamén a achega imprescindible da exdeputada na consoluidación das Rías Baixas como un destino líder e descentralizado e na redacción e execución das iniciativas recollidas no PSTD do Condado e A Paradanta cun orzamento total de 1,5M€ e que obtiveron fondos europeos.
Con todo, a pegada da Deputación en Ponteareas non se limita unicamente a esta nova infraestrutura turística. Ao longo destes tres anos de mandato, o organismo provincial mobilizou máis de 7,5M€ en proxectos de cooperación co Concello para mellorar os servizos municipais e a calidade de vida da veciñanza.
