Luis López reivindica o labor de modernización da Deputación para preparar ao tecido público e privado da provincia ante os retos de futuro da tecnoloxía e da IA
O mandatario provincial, acompañado polo deputado Javier Tourís e o director de Amtega, Damián Rey, inaugura un encontro de traballo centrado nos desafíos e oportunidades da ciberseguridade e a intelixencia artificial para as pemes
03/06/2026
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, salienta o impulso que a Administración provincial está a dar á dixitalización do sector público e privado a través das iniciativas e programas promovidos desde o servizo de Novas Tecnoloxías. Fíxoo na apertura dunha nova xornada dirixida a profesionais, autónomos e responsables da pequena e mediana empresa da provincia celebrada este mércores no salón de actos do Edificio Administrativo da Deputación baixo o título “Preparando ás Pemes Galegas para os novos desafíos”. Un encontro de traballo impulsado, en colaboración co organismo provincial, por Amtega (Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia) para poñer o foco nos desafíos e oportunidades que rodean á intelixencia artificial e á ciberseguridade.
“Ao longo destes case tres anos de mandato, despregamos un amplo abano de plans, programas e iniciativas que están a ser un completo revulsivo para a dixitalización da Administración, tanto provincial como local, da que se beneficia toda a provincia”, contextualizou Luis López antes de citar feitos concretas como os 6,5M€ destinados este ano ao servizo de Novas Tecnoloxías, a cooperación coa administración local a través da Oficina Tecnolóxica de Asistencia aos Concellos (OTAC), a posta en marcha da administración electrónica ou a dixitalización do padrón municipal, así como o asesoramento ao sector privado a través do programa Smart Peme e a súa alianza cos Polos de Emprendemento da Xunta.
A xornada comezou cun acto institucional de benvida no que, ademais do deputado de Fondos Europeos, Javier Tourís; tamén participou o director de Amtega e extraballador da Deputación, Damián Rey. “A modernización tecnolóxica de Galicia está en moi boas mans”, recoñeceulle o presidente para darlle a benvida á que “seguirá sendo sempre a súa casa”. Logo da inauguración, o programa continuou con tres conferencias relacionadas con como atacan os piratas informáticos, a ciberseguridade para pemes e autónomos e a lexislación en intalixencia artificial no sector das pemes.
Despois de reiterar o agradecemento a Amtega e a todos os asistentes pola boa acollida desta xornada e reafirmar o compromiso da Deputación co sector público e privado, o presidente Luis López deixou unha reflexión sobre as consecuencias da dixitalización e da implantación da intelixencia artificial. “Din os expertos que a IA ten sesgos e que non é todo o imparcial que parece. Nós non deberamos agardar a que se posicione nos temas que nos interesan a nós. Para a Deputación é o mundo local e o benestar dos veciños desde o prisma municipal”, rematou o mandatario provincial.
