A Deputación aproba máis de 200.000 do Plan +Provincia para financiar a reparación de tres camiños en Cerdedo e para gasto corrente en Dozón
Cerdedo Cotobade empregará 114.000 € para reparar camiños municipais en Lourido, Revolta e Viduído, na parroquia de Cerdedo, mentres que Dozón destinará 105.000 € da liña 2 para gasto corrente derivado de diversos servizos e actividades
26/06/2026
A Deputación de Pontevedra aprobou este venres na Xunta de Goberno dúas achegas por valor de preto de 220.000 euros para os concellos de Cerdedo Cotobade e Dozón no marco do Plan +Provincia 2026-2027. O presidente provincial, Luis López, anunciou que os recursos provinciais permitirán financiar unha actuación de mellora de camiños municipais, no caso de Cerdedo Cotobade, e o financiamento de gasto corrente derivado de máis dunha decena de conceptos dos servizos e actividades municipais de Dozón. “A cada semana que pasa, máis avanzamos no reparto dos 85 millóns de € cos que conta este plan, que é fundamental para que Pontevedra sexa na que se presten servizos públicos de calidade”, sinalou Luis López.
Cerdedo Cotobade recibirá máis de 113.000 euros para actuar en tres camiños municipais situados nos núcleos de Lourido, Revolta e Viduído, na parroquia de Cerdedo. En Lourido e Viduído estenderase unha capa de mestura bituminosa en quente para mellorar as características do pavimento e tamén se colocarán gabias de recollida de augas pluviais para evitar que discorran cara ás vivendas, con canalización soterrada. En Lourido tamén se executarán franxas de lastre de granito en dúas zonas, a que circunda o lavadoiro e a fonte e o final da actuación (separándoa da zona de acceso aos garaxes), e en Viduído demolerase a canalización de augas pluviais para executar unha nova revestida en V, que suporá unha canalización adecuada. Por último, en Revolta regularizarase todo o pavimento con aglomerado asfáltico e estenderase unha capa de mestura bituminosa en quente. Tamén se levará a cabo unha actuación de limpeza nunha zona na que o firme se atopa en bo estado.
No caso de Dozón, o concello recibirá máis de 105.000 euros na liña 2 de gasto corrente para financiar o mantemento e conservación da rede viaria municipal e as instalacións e infraestruturas públicas, gastos de subministracións básicas como electricidade e combustible, para o mantemento de vehículos e do alumeado público, servizos de asesoría xurídica ou protección de datos e tamén o de recollida de residuos (lixo, papel e cartón e voluminosos e plásticos agrícolas), entre outros.