A Deputación leva este xoves 16 de xullo ata A Lama e Sanxenxo concertos de Vanesa Muela e A Banda Traka e Xurxo Fernandes
O campo da festa de Liñares, na Xesta, na Lama, acollerá a partir das 21:30 horas o concerto de Vanesa Muela e A Banda Traka e a praza do Mar de Sanxenxo, a partir das 22:00 horas, o de Xurxo Fernandes
13/07/2026
A Deputación de Pontevedra leva este xoves 16 de xullo ata A Lama e Sanxenxo concertos de Vanesa Muela e A Banda Traka e Xurxo Fernández no marco da nova edición de +Música, o programa provincial para apoiar a programación cultural nos concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia e difundir e fomentar a lingua e a cultura galegas. O campo da festa de Liñares, na Xesta, na Lama, acollerá a partir das 21:30 horas o concerto de Vanesa Muela e A Banda Traka e praza do Mar de Sanxenxo, a partir das 22:00 horas, o de Xurxo Fernandes.
Vanesa Muela é cantante, multiinstrumentista e divulgadora de música tradicional. No seu repertorio figuran xotas, romances, seguidillas, charros, etc. Comezou a cantar aos 4 anos e ao longo da súa carreira realizou miles de concertos. A súa actividade inclúe unha intensa labor de recuperación e difusión da tradición musical e no espectáculo que presenta na Lama arrouparase de músicos do panorama moderno galego para facer un percorrido das músicas tradicionais baixo un enfoque fresco e innovador.
Pola súa banda, Xurxo Fernandes, presenta Levaino!, unha visión única sobre a música de raíz e de creación colectiva, na que os sons máis arcaicos mestúranse co exotismo oriental e acompáñanse de arranxos singulares e instrumentación moderna. En total, son 12 temas en forma de paisaxes sonoras que comezan no Mediterráneo Oriental e rematan en Galicia.
Estes espectáculos don dúas das 93 actuacións financiadas con cargo ao +Música, que se están a celebrar entre os meses de maio e decembro en 58 concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia. O programa ten un orzamento de 700.000 euros, cos que o organismo provincial aboa os custos de caché dos espectáculos e impulsa a reputación de Pontevedra como un destino cultural de primeiro nivel. A través de +Música, a Deputación aposta pola descentralización da cultura e pola programación de actos culturais de calidade por toda a xeografía provincial.
