A Deputación leva este sábado actuacións dos Revenidos ata Mondariz Balneario e da Banda da Loba ata Salceda de Caselas
Ambos concertos enmárcanse en +Música, o programa provincial dotado con 700.000 euros para colaborar cos concellos na súa programación cultural e difundir e fomentar a lingua e cultura galegas
09/09/2026
A Deputación de Pontevedra leva este sábado 12 de setembro dous concertos ata Mondariz Balneario e Salceda de Caselas enmarcados en +Música, o programa dotado con 700.000 euros para colaborar cos concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia para apoiar a súa programación cultural e difundir e mais fomentar a lingua e a cultura galegas. Os Revenidos terá lugar a partir das 22:00 horas nos xardíns do Gran Hotel de Mondariz Balneario e o concerto da Banda da Loba a partir das 22:30 horas na praza do Concello de Salceda de Caselas.
Os Revenidos son unha agrupación musical con mais de 20 anos de antigüidade. Aínda que sufriu cambios nos seus membros, o proxecto sigue hoxe en dia funcionando con dous dos seus membros orixinais. O grupo presenta en Mondariz Balneario temas clásicos versionados en galego e en clave de humor, intercalando pequenos monólogos e chascarrillos sobre as diferentes cancións.
En Salceda de Caselas, A Banda da Loba continúa a súa xira de “Lovismo”, o espectáculo que leva ao directo o seu último disco, publicado en 2025. Sen abandonar o seu característico estilo caleidoscópico, fala dos diferentes tipos de amor a través da bachata, do pop ou da música disco, sen deixar de lado a inspiración literaria que sempre reivindican.
Estes concertos son dúas das 93 actuacións de +Música que se celebrarán entre os meses de maio e decembro en 58 concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia. Este programa ten un orzamento de 700.000 euros, cos que o organismo provincial aboa os custos de caché dos espectáculos e impulsa a reputación de Pontevedra como un destino cultural de primeiro nivel. A través de +Música, a Deputación aposta pola descentralización da cultura e a programación de actos culturais de calidade por toda a xeografía provincial.