A Deputación incrementa nun 20% os recursos destinados a Acción Comunitaria, que ascenden no 2027 a 4 millóns de euros
Con estes recursos avanzarase no apoio ao tecido asociativo provincial, ás comunidades de augas e na posta en marcha de liñas de axudas para bens e servizos
08/11/2026
A Deputación de Pontevedra incrementa nun 20% os recursos destinados a Acción Comunitaria, que ascenden no 2027 a 4 millóns de euros. A área de Acción Comunitaria, liderada polo deputado provincial Javier Tourís, ten por obxectivos impulsar o avance, a cohesión e o equilibrio territorial da provincia.
“O tecido asociativo é imprescindible para construír unha provincia con mellores servizos e equipamentos”, subliñou o deputado Javier Tourís quen destacou que se destinarán 432.000 euros á regularización de traídas de augas a través do plan +Novaqua, 1,73 millóns de euros ás comunidades de augas a través do plan +Aqua e tamén 1,73 millóns de euros a apoiar ás asociacións a través do Plan Provincia Comunitaria, o que supón, en total, máis de 700.000 € que o estipulado para estes tres plans no 2026. En liñas xerais, as tres axudas incrementan un 20% o seu orzamento con respecto ao 2026.
A estas tres liñas de subvencións hai que engadir outros 100.000 euros para a de axudas de bens e servizos, posta en marcha neste 2026. Deste xeito, co orzamento previsto para o próximo ano, tal e como recordou Javier Tourís, serán en total preto de 16 millóns de euros os recursos dirixidos á Acción Comunitaria pola Deputación de Pontevedra, para avanzar no fortalecemento do tecido asociativo e o movemento veciñal da provincia.