As Pasantías Iberoamericanas chegan á Deputación coa incorporación dunha concelleira salvadoreña

Carmela Silva dá a benvida a Nancy Evelyn Aparicio, que aproveitará a súa estadía para desenvolver un proxecto de Xestión Turística e Cultural para o municipio de Panchimalco

10/10/2022

GaliciaIndia 2022

Nancy Evelyn Aparicio López converteuse hoxe na primeira pasante do programa internacional que convocan a Organización Iberoamericana de Cooperación Intermunicipal (OICI) e a Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) en facer a súa estadía de prácticas na Deputación de Pontevedra. A concelleira salvadoreña no municipio de Panchimalco foi recibida hoxe pola presidenta provincial, Carmela Silva, a quen anunciou a súa intención de aproveitar este período para absorber as boas prácticas da Deputación e sentar as bases dun proxecto propio de  Xestión Cultural e Turística na súa localidade.

Carmela Silva explicoulle que o Turismo e a Cultura son, xunto coa Igualdade, dous dos servizos clave das políticas públicas provinciais. A presidenta detallou que a Deputación conta cun Plan Estratéxico de Turismo e xestiona fondos europeos a través de programas como Tourist Inside  dende a premisa de que o turismo está hoxe estreitamente vinculado á tecnoloxía e á compoñente experiencial das visitas. “A xente xa non chega para quedar parada baixo o sol”, recalcou. A  Deputación, afirmou a presidenta, está á vangarda no aproveitamento das posibilidades das aplicacións tecnolóxicas en cuestións como a sinaléctica ou a obtención dos datos que permitan saber cantos turistas chegan, a onde van e que demandan. “Hai que ter datos para atendelos mellor, para previr a masificación e para compatibilizar o turismo coa xente que vive aquí todo o ano, e mesmo para xestionar correctamente os servizos públicos en concellos que chegan a multiplicar por 10 a súa poboación”.  “Acabouse a promoción turística de panfletos, nós entendemos que hoxe todo está no móbil”, remarcou Carmela Silva durante a súa charla coa concelleira panchimalquense.

Nancy Evelyn Aparicio, que felicitou a Carmela Silva por terse convertido na primeira muller presidenta dunha deputación galega, afirmou estar moi interesada na marca “Turismo Rías Baixas” e amosou a súa confianza en que obterá información práctica moi relevante para desenvolver o proxecto turístico de Panchimalco, un municipio con gran riqueza patrimonial, crisol de culturas, e que cos seus máis de 41.000 habitantes sitúase a só 17 Km da capital salvadoreña. Ademais, dixo sentirse orgullosa de que o 60% do persoal e dos órganos de goberno desta “municipalidade” sudamericana sexan mulleres, a meirande parte mozas.

A pasante salvadoreña estará na Deputación de Pontevedra ata o próximo día 20, completando así a formación teórica que recibiu xa en Madrid e Valladolid. Durante este tempo quedará aloxada na residencia do Centro Príncipe Felipe e a institución provincial atenderá os seus gastos de estancia. O xefe de negociado do Servizo de Asistencia Intermunicipal, Gabriel Rodríguez, xa exerce como o seu titor e, por tanto, comezou a ocuparse da súa rotación polos diferentes servizos, con especial atención aos de Turismo e Cultura.

Na edición vixente do Curso de Pasantías, están a participar un total de 18 alumnos/as procedentes tamén de México, Ecuador, Costa Rica e Venezuela. O programa de Pasantías en España para alumnado iberoamericano naceu en 2005 no Congreso Iberoamericano de Municipios. Dende entón van 16 edicións celebradas, sempre a partir da colaboración entre a OICI e a FEMP. A Deputación de Pontevedra adheriuse a través dun convenio asinado entre a presidenta, Carmela Silva, e o vicepresidente da OICI e alcalde de Valladolid, Óscar Puente.

videos