A Deputación promoverá os atractivos turísticos da provincia do 18 ao 20 de novembro na Feira Internacional de Turismo do Interior (INTUR) de Valladolid

O obxectivo é captar visitantes interesados no enoturismo, nas escapadas familiares, nas camelias, na programación de actividades na provincia durante o Nadal e nos castelos

11/11/2022

Do 18 ao 20 de novembro a Deputación de Pontevedra viaxará ata Valladolid para promocionar a ampla oferta do destino Rías Baixas na Feira Internacional de Turismo do Interior (INTUR). O  obxectivo principal da participación da institución neste evento é captar visitantes interesados no enoturismo, nas escapadas familiares, nas camelias, na programación de actividades na provincia durante o Nadal e nos castelos, eixos nos que a Deputación centrará a súa actividade promocional nun vangardista stand que servirá, tamén, para darlle visibilidade á marca.

O stand da Deputación estará situado nun espazo privilexiado, ocupando unha superficie de 35 metros cadrados da feira. Contará cunha zona de información sobre o destino e a campaña “Love Rías Baixas”, así como con espazos para presentar os materiais promocionais coa oferta turística da provincia. Un dos elementos máis visuais do espazo expositivo será o photocall, con tres fotografías en gran formato variables centradas no Camiño Portugués pola Costa, nun spa e no castelo de Soutomaior. O photocall, na liña de sumar actividades ligadas ás experiencias, incorporará atrezzo para que as persoas que se acheguen ata o stand poidan caracterizarse no ambiente da fotografía.

Coa participación da Deputación en INTUR estase a seguir dando pasos no marco do Plan Estratéxico de Turismo que inclúe a presenza no circuíto de feiras e certames turísticos como elementos para impulsar a promoción do destino, sobre todo en mercados prioritarios como é o caso de Castela e León. INTUR, que este ano celebra a súa vixésima quinta edición, trátase dun evento centrado na cultura, na natureza e na gastronomía, orientada ao público finalista de perfil local, tanto de Valladolid como das provincias limítrofes, de interese para o destino Rías Baixas.

Os castelos de Soutomaior e Sobroso outra vez de récord

Os castelos de Soutomaior e Sobroso, que precisamente serán protagonistas da actividade promocional da Deputación na feira INTUR de Valladolid, rexistraron no pasado mes de outubro unha elevada afluencia de visitantes ao sumar máis de 4.000 persoas. O castelo de Soutomaior segue batendo récords ao rexistrar preto de 3.300 persoas que supoñen 569 máis que as que visitaron o recinto histórico e patrimonial no mesmo mes do 2021. Pola súa banda, ata Sobroso achegáronse preto de 900 persoas.

Galerias de imaxes

Mostrando o intervalo 1 - 3 de 24 resultados.