Recepción ao novo participante no programa de pasantías iberoamericanas

16/02/2023

recepción

O deputado Carlos López Font vén de recibir ao salvadoreño Hugo Ernesto Ardón, o segundo pasante do programa internacional da Organización Iberoamericana de Cooperación Intermunicipal (OICI) e a Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) en facer a súa estadía de prácticas na Deputación de Pontevedra. “Trátase dun programa de cooperación fundamental para transmitir experiencias e fortalecer os lazos con Iberoamérica, que son moi fortes”, enxalzou o deputado quen destacou ademais que estas accións de cooperación internacional están xa arraigadas “como parte da acción deste Goberno Provincial”. O deputado, que animou ao pasante a aproveitar ao máximo a súa estadía na institución provincial, explicou a Ardón que a cooperación cos concellos, a igualdade, o turismo e a transparencia son eixos fundamentais nas políticas da Deputación. E, no caso concreto do turismo, “foi unha aposta moi forte desde o primeiro día, apostando por un turismo sostible, por poñer en valor o que temos a través dos distintos programas”.

Pola súa banda, Hugo Aldón, licenciado en Ciencias da Educación que está a cursar o mestrado en Métodos e Técnicas de Investigación Social e exerce como xerente no Distrito 1 da Alcaldía Municipal de Panchimalco (encargado de administrar, planificar e executar o traballo operativo, construír e executar políticas públicas e desenvolver e liderar o equipo humano da administración), amosouse moi agradecido pola posibilidade de realizar esta estadía e subliñou que aproveitará para coñecer “as boas prácticas políticas e técnicas” da Deputación, especialmente en materia de turismo, coa finalidade de que sexan posteriormente “unha referencia” para adoptalas no seu concello “como estratexias de mellora do patrimonio material e inmaterial”. “Esta é a segunda experiencia –sinalou, tras referirse á anterior estadía de Nancy Aparicio no pasado 2022- e esperamos que se siga cooperando desta forma, porque podemos facer un equipo e armar algo sólido”. 

Galerias de imaxes