Luisa Sánchez anima á cidadanía a colaborar coa campaña ‘Cada neno, un xoguete’, que celebra a súa 18ª edición
10/11/2026
A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, fixo un chamamento á cidadanía, ás empresas e ás entidades sociais de Vigo para colaborar coa 18ª edición da campaña solidaria ‘Cada neno, un xoguete’, impulsada pola Asociación Stop para reunir agasallos de Nadal destinados a familias sen recursos. A campaña permanecerá activa ata o 4 de xaneiro. Todas as persoas que desexen entregar xoguetes poden facelo no local da asociación, situado en Travesía de Vigo 71. Na pasada edición, a iniciativa conseguiu repartir máis de 25.000 xoguetes. Durante a presentación, celebrada este martes no Mercado das Travesas, Luisa Sánchez asegurou que “o Nadal empeza cando somos capaces de acender a ilusión na vida dun neno”. A vicepresidenta tamén tivo palabras de recoñecemento para Carlos Leiro, pola súa capacidade para seguir traballando nesta iniciativa malia as dificultades persoais.