A Deputación destina preto de 50.000 euros ao Concello do Rosal para financiar integramente as obras de saneamento na travesía Campiño-Caselas e no Picón
Trátanse de recursos do Plan +Provincia que destina ao concello máis de 1,1 millóns de euros ao sumar os máis de 670.000 deste ano e o adianto de máis de 470.000 euros da liña de investimentos do 2027
21/07/2026
A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar unha achega por valor de preto de 50.000 euros para o Concello do Rosal para financiar integramente as obras de saneamento na travesía Campiño-Caselas e no Picón. Trátanse de recursos do Plan +Provincia que destina ao concello máis de 1,1 millóns de euros ao sumar os máis de 670.000 deste ano e o adianto de máis de 470.000 euros da liña de investimentos do 2027.
Na actualidade, non existe rede de saneamento na contorna da travesía Campiño-Caselas e no Picón polo que as vivendas existentes están a empregar fosas sépticas para a xestión das súas augas residuais. Cos recursos provinciais realizarase esa rede de saneamento, contribuíndo ao desenvolvemento do municipio e á mellora da prestacións dos servizos á cidadanía.
Para acometer a actuación está previsto a realización de actuacións previas como o corte do pavimento de formigón. Posteriormente realizarase a escavación en gabias, executaranse as arquetas de pozo de rexistro e instalarase o colector de saneamento para a canalización xeral e para as acometidas. Ademais realizarase a conexión da rede de saneamento á existente e executarase un novo pavimento continuo de formigón.