A Deputación acolle este martes no Pazo provincial a presentación dun libro sobre a historia da centenaria Sociedade Coral Polifónica de Pontevedra
O vicepresidente provincial Rafa Domínguez será o encargado de dar a coñecer esta nova publicación relativa á agrupación centenaria que recibiu o último Premio Otero Pedrayo
27/09/2026
A Deputación acolle este martes 29 de setembro ás 19:30 horas no Salón de Plenos do Pazo provincial a presentación do libro “A pegada imborrable dunha coral centenaria. Polifónica de Pontevedra 1925-2025”. O vicepresidente provincial Rafa Domínguez será o encargado do dar a coñecer esta nova publicación de José Raposeiras, actual presidente da agrupación centenaria que recibiu o último Premio Otero Pedrayo nun acto organizado tamén no Salón de Plenos da Deputación pontevedresa.
Durante o acto de presentación, no que ademais do vicepresidente provincial Rafa Domínguez participará tamén o xornalista Ramón Rozas, José Raposeiras repasará os principais fitos históricos dos cen anos da Sociedade Coral Polifónica de Pontevedra que forman parte da publicación. Ademais, a agrupación, baixo a dirección de Nanette Sánchez, interpretará dúas pezas galegas do seu repertorio.
A Sociedade Coral Polifónica de Pontevedra, fundada en 1925, é unha das institucións musicais máis representativas da cultura galega. Ao longo da súa historia, consolidou un labor continuado de difusión da polifonía coral e de preservación do patrimonio musical, levando a súa actividade a numerosos escenarios dentro e fóra de Galicia. A súa historia está intimamente ligada á figura de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, un dos seus fundadores e presidente, que contribuíu de maneira decisiva á súa identidade simbólica e estética, deseñando o escudo da sociedade e realizando escenografías que acompañaron os seus primeiros concertos. Esta relación converteu a polifónica nun espazo onde música e arte camiñaron desde a súa orixe de maneira conxunta.