A Deputación esgota as entradas para o concerto de Carlos Nuñez no Porto de Aldán, en Cangas de Morrazo, enmarcado no ciclo Son Verán

A actuación terá lugar ás 19:00 horas e porá o broche de ouro á nova edición dos concertos estivais da Deputación. Ante a previsión de chuvia deste domingo pola tarde, a institución provincial instalará unha carpa para poder desfrutar do espectáculo

23/09/2026

A Deputación de Pontevedra esgotou en menos de 24 horas todas as entradas gratuítas para o concerto de Carlos Núñez no Porto de Aldán, en Cangas de Morrazo, que terá lugar este domingo 27 de setembro ás 19:00 horas e que porá o broche de ouro ao ciclo Son Verán. Ante a previsión de chuvia que dan os diferentes servizos de meteoroloxía para este domingo pola tarde, a institución provincial confirma que instalará unha carpa para poder desfrutar do concerto. Previamente, o sábado 26, o ciclo musical levará a Queiman Folk-Rock ao Porriño, unha actuación que terá lugar na praza Arquitecto Palacios ás 20:30 horas con entrada libre.

O ciclo da Deputación Son Verán presta especial atención aos concellos de menos de 20.000 habitantes, con estilos e propostas alternativas ás programadas polos concellos e pola propia programación habitual da Deputación. As actuacións estiveron repartidas por diferentes comarcas en espazos culturais e patrimoniais de referencia dos concellos da provincia co obxectivo de apoiar e complementar as súas programacións, sen interromper as destes, e apostar por espazos nos que se poña en valor a música galega e o propio patrimonio artístico e natural da provincia.

Son Verán contou con catro grandes bloques, ópera, musical, tradicional – celta e músicas do mundo, e comezou o 24 de xullo cun concerto de Gabriel Fandi, e en agosto chegou aos concellos de Caldas de Reis, Cerdedo Cotobade, Forcarei, Ribadumia, Valga e Vilanova de Arousa. “Querida Montserrat, querido Luciano” desfrutouse en Caldas de Reis, Forcarei e Vilanova de Arousa, The Crass ofreceu un concerto en Cerdedo Cotobade, Queiman Folk en Valga e Laroá en Ribadumia. Neste mes de setembro, Son Verán chegou ademais á Guarda, As Neves, Redondela e Marín, con concertos de Laroá, Roi Casal e Carlos Nuñez.