A Deputación homenaxea este sábado o pandeireteiro e bailarín “Polo” Wenceslao Cabezas del Toro cun concerto en Cerdedo Cotobade

O espectáculo ofrecido por The Crass forma parte do programa Son Verán e terá lugar na praza da Chan, en Carballedo, ás 22:00 horas

20/08/2026

A Deputación de Pontevedra organiza este sábado 22 de agosto en Cerdedo Cotobade un concerto do grupo The Crass en homenaxe ao pandeireteiro e bailarín Wenceslao Cabezas del Toro, “Polo”, no marco do circuíto cultural Son Verán. O espectáculo terá lugar na praza da Chan, na parroquia de Carballedo, a partir das 22:00 horas, e contará coa participación da Escola de Gaitas de Carballedo.

The Crass representarán un espectáculo especial e único homenaxe a “Polo”, alcume de Wenceslao Cabezas del Toro, pandeireteiro e bailarín vinculado á Escola de Gaitas de Carballedo. Durante o concerto participarán colaboracións artísticas especiais e interpretarase un repertorio especial do libro-disco “O xeito de Polo”. A súa selección responde ao criterio artístico e de idoneidade, ao tratarse dunha homenaxe a unha figura da música tradicional da provincia, que se levará a cabo no concello de orixe do homenaxeado.

The Crass é unha formación celta galega do sur de Pontevedra fundada polos irmáns Costas no ano 2010, proclamándose ese mesmo ano gañadores do concurso do Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira. No ano 2011 naceu “Crastañazo”, un álbum co que foron finalistas ao mellor directo polos premios Los 40 Principales, un disco baseado nas músicas das nacións celtas, pasada pola peneira de “THE CRASS”, cun selo e carácter xa marcados na propia onomatopea do seu propio nome.

Con Son Verán a Deputación afronta a segunda metade do período estival levando por toda a provincia unha programación cultural de calidade, co obxectivo de espallar a oferta cultural e musical provincial con estilos e propostas alternativas ás programadas polos concellos e pola propia Deputación. Os espectáculos encádranse en catro grandes bloques: ópera, musical, tradicional – celta e músicas do mundo. En total ofreceranse 13 actuacións en 8 comarcas da provincia, con especial atención aos concellos de menos de 20.000 habitantes.

Son Verán comezou o 24 de xullo co concerto de Gabriel Fandi, e en agosto chegará aos concellos de Vilanova de Arousa, Caldas de Reis, Cerdedo Cotobade, Forcarei, Ribadumia e Valga. O espectáculo de ópera e música clásica “Querida Montserrat, querido Luciano”, de ÓperaConcert poderá desfrutarse en Vilanova de Arousa (23 de agosto no xardín Umbrío), Caldas de Reis (24 de agosto na Carballeira) e Forcarei (25 de agosto na praza do Concello), Queiman Folk ofrecerán un concerto o 29 de agosto en Valga e Laroá o día 30 na praza do Concello de Ribadumia.

En setembro, Son Verán chegará a Cangas de Morrazo, A Guarda, Marín, As Neves, O Porriño e Redondela. Na Guarda terá lugar o día 3 un concerto de Laroá, e Roi Casal poderá escoitarse o 13 de setembro na praza do Concello das Neves e en Redondela. Ademais, terán lugar dous concertos de Carlos Núñez, no mes de setembro no auditorio municipal de Marín e no porto de Aldán de Cangas de Morrazo. Son Verán rematará o seu percorrido polos concellos o 25 de setembro cun espectáculo de Queiman Folk no Porriño.