A Deputación celebrará o venres 12 de xuño a poxa de gando vacún da Finca Mouriscade
Poranse á disposición das ganderías da provincia un total de 28 exemplares de vaca frisoa, cinco máis que na anterior poxa celebrada en decembro de 2025, cun prezo de saída de 1.750 euros
26/05/2026
A Deputación de Pontevedra celebrará o venres 12 de xuño a quinta poxa de animais da gandería da Finca Mouriscade, na que se porán á disposición das ganderías da provincia un total de 28 vacas de raza frisoa cun prezo de saída de 1.750 euros. Trátase de cinco exemplares máis que na anterior poxa, celebrada en decembro de 2025, que se saldou coa adxudicación de 21 exemplares e a participación dun total de 31 empresas. As persoas interesadas en participar deben inscribirse ata as 10:00 horas do 1 de xuño a través da sede electrónica da Deputación, seguindo os pasos indicados no portal da Finca Mouriscade.
Durante a poxa, as ofertas económicas non poderán ser, en ningún caso, inferiores ao importe sinalado como prezo de saída no catálogo. A partir dese importe, o incremento deberá facerse de viva voz, alzando o cartel co número de identificación da persoa licitadora e en tramos de 50 euros. O proceso rematará no momento en que deixen de presentarse novas ofertas, quedando como persoa licitadora aquela que tivese realizado a poxa máis elevada (no caso de empate, acudirase ao sorteo).
A Finca Mouriscade é a terceira mellor granxa de España en calidade xenética
A granxa da Finca Mouriscade está considerada nestes momentos (con datos de abril de 2026) a terceira mellor explotación gandeira de toda España e a segunda da provincia de Pontevedra. En catro anos, a gandería dependente da Deputación de Pontevedra pasou do posto número 35 a alcanzar a segunda posición no índice combinado ICO. Esta clasificación avalía a calidade xenética dos animais, ademais de apuntalar o centro como unha referencia no sector agrogandeiro a nivel nacional. Do mesmo xeito, confirma que as tenreiras que naceron en Mouriscade a partir dos últimos embrións, así como o traballo realizado polos profesionais do laboratorio, están a contribuír de xeito decisivo á mellora xenética e, como consecuencia, á mellora da eficiencia produtiva das ganderías da provincia.