A Deputación destina 260.000 € a Caldas de Reis para financiar a ampliación da rede de saneamento no tramo do Pazo-Santa María

O deputado Ricardo Martínez visitou o concello e anunciou que este venres se aprobará en Xunta de Goberno unha achega do Plan +Provincia para actuar nas zonas de Tivo-Pazo, Pazo-Santa María e Santa María

23/09/2026

A Deputación destina 260.000 € a Caldas de Reis para financiar a ampliación da rede de saneamento no tramo do Pazo-Santa María

O deputado provincial Ricardo Martínez visitou este mércores Caldas de Reis, onde anunciou que a Deputación de Pontevedra vai financiar ao 100% as obras de ampliación da rede de saneamento no tramo do Pazo – Santa María. A Xunta de Goberno do organismo provincial aprobará este venres unha achega de 260.000 euros para sufragar esta actuación enmarcada no Plan +Provincia 2026-2027, que destinará a Caldas de Reis 1,4 millóns de euros sumando as catro liñas de 2026 e a liña 1 de investimentos de 2027, á que este ano se pode acceder anticipadamente.

O proxecto contempla a instalación de redes separativas de saneamento para augas residuais e pluviais, a ampliación da rede de abastecemento de auga potable e a reposición dos pavimentos afectados, distribuíndose en tres tramos. En Tivo-Pazo renovarase o pavimento e protexeranse os elementos patrimoniais Fonte-lavadoiro e do Cruceiro de Tivo. No Pazo - Santa María executaranse os novos colectores, acometidas domiciliarias, ampliarase a rede de abastecemento e reporase o firme, incluíndo o reforzo dos bordos do camiño. Pola súa banda, en Santa María manteranse as mesmas características das redes, pero a reposición do pavimento limitarase ao ancho das gabias, ao estar prevista nesta zona outra actuación da Deputación para a recuperación de espazos e mellora da mobilidade peonil na estrada provincial EP-8005.

Ricardo Martínez puxo en valor que cos recursos provinciais “estamos dando resposta ás demandas dos concellos, que poden facer realidade proxectos que melloran a calidade de vida da súa veciñanza”. Neste sentido, o deputado sinalou que a través de plans como o +Provincia, a Deputación “está a impulsar actuacións tan relevantes como estas que hoxe anunciamos en Caldas de Reis, que melloran a vida da veciñanza”.