A Deputación financiará integramente as obras de acondicionamento da Antiga Cámara Agraria, en Cambados, con preto de 60.000 euros do Plan +Provincia
O deputado provincial Javier Tourís anunciou que a axuda aprobada pola institución provincial permitirá mellorar a eficiencia enerxética e a accesibilidade do edificio
15/07/2026
O deputado provincial Javier Tourís anunciou hoxe en Cambados que a Deputación de Pontevedra financiará as obras de acondicionamento do edificio da Antiga Cámara. Será a través dunha achega de preto de 60.000 euros que acaba de aprobar a institución provincial enmarcada no Plan +Provincia 2026-2027, que destinará a Cambados preto de 1,9 millóns de euros sumando as catro liñas de 2026 e a liña 1 de 2027, á que este ano se pode acceder anticipadamente.
Javier Tourís sinalou que esta actuación permitirá mellorar este edificio que pertence ao Concello de Cambados e que se destina á prestación de servizos á cidadanía no corazón do Conxunto Histórico da vila. En concreto, as actuacións incluirán a substitución da carpintaría exterior do local por outra con mellores prestacións de illamento térmico para a mellora da eficiencia enerxética, a substitución da instalación de iluminación para a mellora da eficiencia enerxética e melloras na accesibilidade do local, xa que neste momento non cumpre en accesibilidade para persoas con mobilidade reducida.
O deputado provincial sinalou que o Plan +Provincia 2026-2027 “conta con 85 millóns de euros para que os concellos poidan facer realidade os seus grandes proxectos”. A Deputación “é consciente de que os concellos precisan de financiamento para poder levalos a cabo, e por iso este é o plan de cooperación cos concellos máis ambicioso da historia da Deputación”, asegurou. Tourís puxo en valor que a concepción do Plan +Provincia “obedece ao compromiso de ser o goberno do municipalismo, dándolles autonomía aos concellos para que poidan decidir a que dedican os recursos que lles corresponden”.
