Luis López anuncia a adxudicación por máis de 880.000 euros das obras para repoñer o firme na estrada provincial EP-7001 A Estrada-Forcarei

O presidente da Deputación adiantou que se actuará nun tramo de preto de 12 quilómetros nos que se reporá o firme e realizará un tratamento para conseguir unha mellora da adherencia, da rodaxe e da uniformidade do firme

05/06/2026

Luis López anuncia a adxudicación por máis de 880.000 euros das obras para repoñer o firme na estrada provincial EP-7001 A Estrada-Forcarei

Luis López acaba de anunciar que a Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra adxudicou por máis de 880.000 euros as obras de reposición do firme na estrada provincial EP-7001 A Estrada- Forcarei. O presidente do organismo provincial adiantou que se actuará nun tramo de preto de 12 quilómetros nos que se reporá o firme e realizará un tratamento para conseguir unha mellora da adherencia, da rodaxe e da uniformidade do firme.

En liñas xerais, a reposición do firme terá lugar nun tramo de preto de 12 quilómetros desta estrada provincial que discorre polo Concello da Estrada. Neste treito reporase o firme en ata 8.500 metros lineais da calzada onde se actuará ben en só nun dos carrís, tanto en dirección á Estrada como a Forcarei, ou en ambos, en función do seu estado. Por outra banda, noutros treitos do tramo obxecto da actuación, realizarase un tratamento superficial para conseguir unha mellora da adherencia, da comodidade da rodaxe e da uniformidade do firme. A actuación completarase coa reposición da sinalización horizontal.

Ademais desta actuación na Xunta de Goberno deste venres tamén se avanzou noutro proxecto dunha estrada provincial na Caniza. “Seguimos sumando investindo recursos como nunca antes se fixera para alongar a vida das nosas estradas e garantir a súa seguridade”, confirmou o presidente provincial.

audios