A Deputación adxudica as visitas teatralizadas para desfrutar dos castelos de Soutomaior e Sobroso durante o outono e o Nadal

Luis López anunciou que as actividades foron adxudicadas por 80.000 euros e, cun carácter pedagóxico, achegarán todo tipo de públicos á historia, personaxes e lendas dos castelos

10/07/2026

A Deputación adxudica as visitas teatralizadas para desfrutar dos castelos de Soutomaior e Sobroso durante o outono e o Nadal

A Deputación de Pontevedra aprobou este venres a adxudicación das visitas teatralizadas que se desenvolverán nos castelos de Soutomaior e Sobroso durante os últimos meses do ano. Por valor de preto de 80.000 euros, informou o presidente Luis López, trátase de actividades de carácter pedagóxico que amosarán a historia dos castelos, as súas lendas e as personaxes que habitaron neles co obxectivo de seguir poñendo en valor o carácter histórico e patrimonial destes elementos singulares da provincia.

A través das visitas teatralizadas a Soutomaior e Sobroso a institución provincial avanza “nun dos eixos prioritarios da nosa estratexia turística, que é a desestacionalización das Rías Baixas como destino”, ademais de achegar e poñer en valor estas dúas fortalezas “dunha forma amena e diferente, apta para todo tipo de públicos”, tanto de idades adultas como para o público infantil. Tal como sinalou Luis López, “promovemos un turismo sostible e descentralizado que permite que os castelos de Soutomaior e de Sobroso sexan, agora si que si, de todos e para todos e se sigan consolidando como uns dos nosos maiores atractivos turísticos”.

Ofertaranse un máximo de 54 quendas de visitas, a razón de 44 no Castelo de Soutomaior e outras 10 no Castelo de Sobroso. O presidente da Deputación lembrou que o de Soutomaior acaba de reabrir ao público as súas portas despois de levar pechado desde o outono do pasado ano para desenvolver un ambicioso proxecto de renovación da súa iluminación exterior, cun investimento de 1,7 millóns de euros, con vistas a poder desenvolver actividades nocturnas e desfrutalo nos períodos do ano con días máis curtos. Será precisamente cando terán lugar estas visitas teatralizadas: nos meses de outono (outubro e novembro) e na temporada de Nadal.

audios

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 7 resultados.